O Concello de San Sadurniño volve apoiar a xornada de limpeza simultánea de ríos organizada por ADEGA, que sempre se desenvolve en distintos puntos de Galicia o derradeiro domingo de setembro. Este 24 de setembro levarase a cabo a retirada de lixo no tramo comprendido entre a presa do Muíño de Mera, no paseo fluvial, e a área recreativa de Lamas.
A saída está posta para as 10:00h e para participar nesta actividade de coidado e concienciación ambiental fai falla inscrición previa a través do formulario en liña publicado en Google Forms. Tamén se pode chamar ao 695 876 068. En ambos casos a data límite para anotarse é o xoves antes das 12:00h.
O río é un ecosistema complexo que cómpre manter nas mellores condicións posibles para un bo desenvolvemento da flora e da fauna. No outono prodúcese un parón biolóxico e por iso é a mellor época para facer tarefas de limpeza e mantemento tanto nas ribeiras como dentro da auga. O Proxecto Ríos impulsado pola Asociación ecoloxista ADEGA pretende precisamente iso, facer labores de conservación en varios cauces e, ao tempo, concienciar sobre o ciclo da auga e o ambiente.
Esta iniciativa arrancou en 2008 e desde aquela desenvólvese sempre o último domingo de setembro -neste caso o 24 de setembro- e de maneira simultánea en distintos puntos do territorio galego. A presente edición abranguerá ríos de 52 concellos das catro provincias e hai confirmada a participación de 65 entidades, entre áreas municipais, asociacións veciñais e outros colectivos.
San Sadurniño é un dos habituais na cita desde os seus comezos e nesta edición volverase repasar un tramo do Xubia ao seu paso polo noso concello. A actividade, aberta a voluntarios de todas as idades, comezará ás 10:00h. na Presa do Muíño de Mera (o punto de encontro é o aparcadoiro do Asador O Muíño – O Muíño do Pepe) e continuará río arriba ata a área recreativa de Lamas, facendo un descanso para repoñer forzas a iso das 11:30h (o Concello levará bocadillos e augas). Está previsto rematar o itinerario ás 14:00h tomando uns petiscos na propia área recreativa.
Aconséllase levar roupa cómoda, impermeable se chove, botas ou calzado deportivo e luvas. Ademais, tamén se recomenda seguir o protocolo publicado por ADEGA para guiar as limpezas, que deben ser minuciosas pero sen desestabilizar o delicado ecosistema fluvial. Na web do proxecto podemos atopar moitos consellos de utilidade: dividir a limpeza por zonas e en grupos, separar por tipos o lixo recollido e, sobre todo, atender á seguridade.
Trátase dunha proposta moi recomendable para vivir en familia e, ademais dunha xornada de limpeza, a convocatoria tamén será unha boa ocasión para percorrer un dos espazos máis fermosos de San Sadurniño.
Para participar nesta XVI Limpeza simultánea “Móllate polos ríos” é necesario apuntarse no formulario en liña publicado en Google Forms ou chamando ao móbil 695 876 068 do Axente de Desenvolvemento Local, Roberto Lindín.
En 2022 ADEGA logrou xuntar na iniciativa a 955 persoas voluntarias que limparon 51 tramos de río repartidos por toda Galicia. Nunha soa mañá retiráronse dos cauces cerca de 8 toneladas de refugallos de todo tipo. A organización ambiental contará este ano coa colaboración de 22 concellos, entre eles o de San Sadurniño, xunto co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto demográfico (Confederación Hidrográfica do Miño-Sil) e de Augas de Galicia.