O XXX Trofeo de fútbol Concello de San Sadurniño xógase no campo dos Currás

O clásico dos clásicos futbolísticos no municipio de San Sadurniño volverá disputarse no serán deste domingo 3 de setembro

O CF San Sadurniño e a UDC Narahío enfrontaranse a partir das 19:45h para ver quen se fai co trixésimo trofeo municipal, nun encontro que desta vez terá que xogarse no campo dos Currás por mor dun problema co céspede da Veiga, escenario habitual do derbi. Outra novidade destacada desta edición será o partido previo, 16:30h, no que medirán forzas as xogadoras do novo equipo feminino do CD As Pontes e a tamén nova formación cadete posta en marcha pola SD O Val de Narón.

A escuadra valexa estrearase esta temporada no marco dun ambicioso plan do club naronés para potenciar o fútbol feminino dándolle continuidade a unha base que, doutro xeito, acabaría disgregándose a partir de Infantil por outros equipos «de Lugo ou A Coruña» para poder seguir progresando. De feito, tal e como lle comentaban á prensa antes do verán a adestradora Luna Botana e Bárbara Grandal, dúas das responsables do proxecto, a formación cadete «é unha ponte» necesaria para garantir compoñentes nun equipo absoluto «que sexa referente do fútbol feminino en Ferrolterra». A iniciativa está apoiada polo programa europeo Erasmus+ Sport dentro da liña Womad (Women Against Discrimination).

A intención da sociedade deportiva naronesa co novo proxecto é a de «pechar a fenda de xénero, combater os estereotipos sexistas e loitar contra unha desigualdade de oportunidades a través do fomento da práctica do fútbol entre mulleres e nenas, pero non só a nivel de xogadoras, senón tamén de adestradoras, directivas, árbitras, etc.».

Obxectivos que se aliñan exactamente cos compromisos do Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de San Sadurniño e de aí que, como unha das primeiras accións trala constitución do novo Goberno local, a concellaría de Deportes decidise completar o derbi local cun encontro de xogadoras comarcais que enfrontará ás cadetes do Val coas integrantes  do equipo feminino do CD As Pontes, recuperado tamén este ano. 

«Desde o Concello queremos promocionar e darlle visibilidade ao fútbol feminino», apunta o concelleiro de Deportes, Manel Martínez, engadindo que  o partido do citado domingo tamén pretende que as pequenas que acudan como espectadoras ao campo dos Currás «vexan xogadoras que lles sirvan como referentes para continuar ou iniciarse na práctica dun deporte moi masculinizado, como quedou evidenciado nos últimos días».

O partido entre as cadetes do Val e as pontesas, que comezará ás 16:30h, promete ofrecer espectáculo e calidade a partes iguais e será un dos encontros preparatorios da competición 2023-2024, igual que o enfrontamento que virá despois entre o CF San  Sadurniño e a UDC Narahío.

A partir das 19:30h volverá xogarse o derbi entre as dúas escuadras locais da trixésima edición do Trofeo Concello de San Sadurniño que, por primeira vez, ten que trasladarse ao campo da piscina por causa dun problema detectado hai tan só uns días no céspede do campo da Veiga, en Naraío, que recomenda deixar descansar o terreo de xogo mentres se lle aplica o tratamento correspondente.

Na anterior edición, celebrada en 2021, a copa foi para o San Sadurniño, que rompía daquela unha racha de anos en que o trofeo sempre quedara nas vitrinas da UDC. Este domingo 3 de setembro ambos equipos saltarán de novo ao campo para engraxar a maquinaria ligueira e, seguramente, mostrar a rivalidade histórica que caracteriza todos os seus enfrontamentos.

 

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …