San Sadurniño celebra a XIV Feira Rural

O último sábado de agosto está marcado no calendario como o día en que San Sadurniño se converte en capital de todo o que ten que ver co desenvolvemento local, por medio da xa consolidada Feira Rural que este ano chega á súa 14 edición.

Un evento deseñado co obxectivo de reivindicar o potencial produtivo e económico das zonas rurais desde a óptica da sostenibilidade. Na feira poderemos atopar moita variedade de produto fresco e elaborado, maquinaria, flor e planta, artesanía e artigos de segunda man. Ademais tamén haberá obradoiros para todas as idades, degustacións, sorteos, música, circo, baixadas en kaiak polo Xubia e o xa tradicional concurso de froita autóctona da nosa comarca con premios para os mellores lotes.

A XIV Feira Rural mantén invariable o seu esquema, combinando a súa finalidade comercial de proximidade con actividades orientadas ao lecer e, en definitiva, a que a xente de dentro e fóra de San Sadurniño pase un día agradable á beira do Xubia.

Así, para a cativería hai preparados dous obradoiros de construción de papaventos e volven os descensos en kaiak polo Xubia (tamén para persoas adultas), ademais de estar programadas as actuacións de Brassica Rapa e do colectivo Circando. De novo poderemos visitar a horta de froiteiras, con explicación de enxertados e podas, e o colmear didáctico. 

Completan a oferta da xornada, que se prolongará desde as 10 ata as 20:15h, os sorteos de vales para o comercio local e lotes de froita, as degustacións e a exposición/concurso monográfico da Raza Can de Palleiro.

Na feira poderase xantar a prezos populares, aínda que tamén é boa opción traer a merenda para comer á sombra do paseo fluvial ou ben reservar en calquera dos restaurantes locais.

Reserva de postos e concurso de froita

Os expositores e expositoras que queiran participar na XIV Feira Rural teñen até o 21 de agosto para presentar as súas solicitudes, indicando os metros que precisan para asentar os seus postos. Teñen que cubrir o formulario normalizado e rexistralo presencialmente no Concello, en horario de mañá de luns a venres- ou ben pola Sede Electrónica (adxuntando a folla a unha solicitude xenérica). Tamén se pode mandar por correo postal ao enderezo “Concello de San Sadurniño. Lugar do Casal 16, 15560, San Sadurniño, A Coruña”.

O listado de asistentes publicarase o día 24 e o día do evento é obrigatorio presentar o resgardo de pagamento da taxa correspondente.

Por outra banda, durante a mañá da feira tamén se desenvolverá o concurso da froita autóctona. As inscricións neste caso hai que facelas o mesmo día, no momento de presentar os lotes para a exposición. As bases poden descargarse desde esta ligazón.

Todas as persoas participantes no concurso levarán como agasallo unha froiteira do país e os tres mellores lotes  recibirán como premio cadanseu vale de 100 euros canxeable nun establecemento local. Eses tres cestos ganadores quedarán en poder da organización para ser sorteados entre o público antes da clausura da feira.

Programa da XIV Feira rural de San Sadurniño
26 de agosto de 2023, Leira da Cortiña (Google Maps

10:00h Apertura da feira e exposicións: agroalimentación, artesanía, viveiros, maquinaria e 2ª man. As solicitudes deberán presentarse no Concello ou na Sede Electrónica municipal antes das 14:00h do 24 de agosto. Descarga da folla de solicitude e normas de participación.

10:30 a 13:30h Concurso da Froita Autóctona:
Inscricións de lotes de froita para concurso de 10:30 a 11:30h na carpa principal. Agasallo dunha froiteira  do país só por participar. Descarga das bases do concurso.
Premios: tres vales de 100€ canxeables en establecementos locais.

11:30h Visita guiada á Horta de froiteiras autóctonas «Carlos Fornos» con obradoiro de enxertado.

11:30h Baixadas en kaiak polo Xubia

12:00h Obradoiro infantil de construción de papaventos 

12:00h Actuación de Brassica Rapa 

12:00h 14:00h Cata-degustación de froita autóctona 

12:30h Visita guiada ao Colmear didáctico

14:00h Sorteo de vales para consumo no comercio local valorados en 40 euros. Os boletos entregaranse con cada compra e haberá que depositalos na urna que estará situada no expositor do Concello.

Na feira haberá espazo para xantar a prezos populares e tamén se pode traer a comida e sentar nalgún dos recunchos do arboreto ou do paseo fluvial. Outra opción é xantar nalgún dos restaurantes da zona (recoméndase reservar con tempo). Listado de aloxamentos, mesóns e casas de comidas (ligazón externa).

Tarde

16:30h XXIV Concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro (máis información en www.clubcandepalleiro.com)

16:30h Baixadas en kaiak polo Xubia

17:00h 19:00h Cata-degustación de froita autóctona 

17:30h Visita guiada á Horta de froiteiras autóctonas «Carlos Fornos» con obradoiro de poda de verán

17:30h Obradoiro infantil de construción de papaventos 

18:00h Actuación da compañía Circando 

18:30h Visita guiada ao Colmear didáctico.

19:45h Segundo sorteo de lotes de froita e de vales para consumo no comercio local valorados en 40 euros. Os boletos entregaranse con cada compra e haberá que depositalos na urna que estará situada no expositor do Concello.

20:15h Clausura da XIV Feira Rural.

Exposicións e actividades paralelas durante toda a xornada:

Froita autóctona da AGFA do Eume.
Apicultura da Asociación Casa do Mel de Goente.
Raza Can de Palleiro.
Expositor do Concello: Información xeral sobre a feira, xunto con información turística: rutas, que ver, proxecto Terra de Vida e Xeoparque do Cabo Ortegal. O expositor tamén é o lugar de inscrición para as baixadas en kaiak, as visitas guiadas e os obradoiros infantís.

Lea también

Xosé Miguel Mahía renunció al acta de concejal de Mugardos por motivo de estudios en el extranjero

La noticia, aunque no era oficial, se hizo real en la mañana de este miércoles, …