O ciclo Xullo, mes da Patria continúa en Fene cos concertos de Trikitrí e Fillas de Cassandra

Os feneses Trikitrí, gañadores en 2022 do Certame Runas do Festival de Ortigueira, e Fillas de Cassandra, dúo vigués e unha das formacións de música galega con máis proxección nestes intres, actúan este xoves 20 de xullo ás 21 horas, na praza do alcalde Ramón J. Souto González, a carón da Casa do Concello de Fene.

O concerto encádrase no ciclo “Xullo, mes da Patria”e a entrada será libre e de balde. Organiza: concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural) Trikitrí é un grupo formado por catro músicos veciños de Fene (Óscar Alfonso, Alberto Maceiras, Óscar Painceiras e Alberto Romero) cunha longa bagaxe en grupos de música tradicional, folk e outros estilos na comarca de Ferrolterra.

O seu estilo e repertorio vén influenciado polo son da trikitixa, o acordeón diatónico vasco, ao que se unen unha curiosa mestura de instrumentos como a gaita electrónica, a guitarra acústica e o caixón xunto outras percusións. En 2022 Trikitrí foi o grupo gañador da edición que fora cancelada de 2021 do “Proxecto Runas”, do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.

Pola súa banda, Fillas de Cassandra son María Pérez (voz, percursión e piano) e Sara Faro (voz e percusión). Xuntas dan forma a un dos proxectos da nova música emerxente máis prometedor do panorama galego. A súa é unha aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas no canto de tradición oral, pero tamén influenciadas polo pop, a electrónica e a música clásica.

O espectáculo que traen a Fene, Acrópole, xorde do seu primeiro disco e bebe do teatro, “convidando ao público a ser parte dunha viaxe ao longo da historia, da man dos nomes das heroínas que rescatan da mitoloxía clásica e cos que pretenden estabelecer un diálogo, recoñecendo as súas vivencias presentes como mulleres nas das súas devanceiras”. Fillas de Cassandra Sara Faro (Vigo, 2001), iníciase na música aos tres anos, no grupo de pandereteiras do seu barrio, onde aprende a cantar e entra en contacto co folclore galego.

Aprende a tocar a guitarra de forma autodidacta e recibe, clases de produción musical na adolescencia, onde experimenta cos seus propios temas, encamiñando a súa sensibilidade e o seu activismo. Na actualidade, compaxina a súa carreira musical cos estudos de dirección escénica e dramaturxia.

María Pérez (Vigo, 1996), artisticamente coñecida como MaríaSOA, segue o camiño da música iniciado pola súa nai, pianista de profesión. Comeza as clases de piano aos cinco anos e desde entón compaxina os estudos musicais coa danza e a ximnasia acrobática a nivel profesional.

Despois de completar o grao profesional de piano, realiza un máster en Interpretación Solista en Madrid, e volve a Galicia para continuar co seu proxecto persoal mentres se forma na interpretación doutros instrumentos, como a gaita e a batería. No 2021 comeza co proxecto “Fillas de Cassandra” e dirixe unha das escolas máis lonxevas de música en Vigo ata o día de hoxe.

Lea también

Ferrol, acoge el encuentro intergeneracional de corales de personas mayores

La concejala de Política Social e Inclusión de Ferrol, Rosa Martínez, presentó este jueves 21 …