Os “Bolechas Deportistas” comezan a súa xira de verán viaxando no tempo

Os Bolechas comezan a súa xira de verán “Os Bolechas Deportistas xogan no tempo”. É a segunda edición desta
iniciativa, durante a cal visitarán quince concellos galegos co principal obxectivo de fomentar o uso da lingua galega no deporte e os hábitos de vida saudables entre os máis cativos. A xira arranca o 23 de xuño no concello de Ribeira, ás 12.00 horas, na Avenida do Malecón.

O secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, foi o encargado de presentar este xoves 22 o inicio da xira de verán dos Bolechas no Pazo de San Roque, remarcando a importancia desta iniciativa xa que “Os Bolechas son un referente positivo para os cativos na promoción e o uso da lingua e cultura galegas, así como unha forma de dinamizar o ocio en galego”, sinalou. Esta iniciativa enmárcase dentro do FalaRedes, un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Os Bolechas viaxarán por toda a xeografía galega coas súas aventuras para ensinar as vantaxes de practicar deporte e levar unha vida activa. Nesta nova odisea, os irmáns viaxan nunha caravana itinerante co seu avó, quen está moi contento por esta excursión cos seus netos. Para non aburrirse e pasalo ben, Braulio decide construír unha máquina coa que practicarán os deportes do pasado, presente e futuro.

A través dun teatro de monicreques e outras actividades complementarias a pé de rúa como sorteos de libros, a iniciativa pretende espallar a sabedoría e as ganas de pasalo ben que acompañan a familia, así como fomentar o uso da lingua galega no ámbito deportivo. Os Bolechas Deportistas contribúen a fomentar o idioma galego e a importancia de exercitarse entre as nenas e nenos para levar unha vida activa.

Unha caravana e quince concellos

Cun total de quince actuacións, o concello de Ribeira será a primeira parada da familia o 23 de xuño, seguido de Chantada, Barreiros, Campo Lameiro, Vilanova de Arousa, Castro Caldelas, Boqueixón, O Pereiro de Aguiar, Quiroga, Frades, Mondariz,  Ares, Baiona e Bande.  A derradeira excursión dos Bolechas será o sábado 5 de agosto, no municipio ourensán da Pobra de Trives. Na web osbolechasdeportistas.com poderán consultar toda a información e datas das actuacións.

Ademais de consultar o calendario da xira, na web os cativos poderán descargar unha unidade didáctica sobre deporte, ficheiros para colorear, pasatempos como encrucillados e sopas de letras; así como dous test de avaliación, un máis doado e outro difícil, para poñer a proba os seus coñecemento sobre deporte. Tras pasar o exame, os que o desexen, poderán descargar un diploma que acredita a súa condición de deportistas avanzados.

Os Bolechas para aprender e divertirse

Desde que comezaron a publicarse no ano 2000, Os Bolechas convertéronse nun auténtico fenómeno. Con máis de 600 títulos publicados e máis de 1.800.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa.

Este seguimento masivo e continuo durante máis de 22 anos permitiu a toda unha xeración de galegas e galegos achegarse á cultura e á literatura en lingua galega desde os primeiros anos de vida, posto que os Bolechas usan sempre o galego na súa versión orixinal, o que supuxo un importante papel na promoción e difusión do
idioma.

Tanto é así que moitos nenos teñen na casa, e sobre todo no colexio, o seu primeiro e máis intenso contacto co galego a través das súas aventuras, todas elas cun destacado contido didáctico e pedagóxico, que contribúe á formación dos escolares de educación infantil e de primaria de Galicia mediante o pracer e o divertimento.

Lea también

Palo Santo do Camiño, uno de los mejores quesos mundo por los “World Cheese Award

Palo Santo, con su queso curado “Palo Santo do Camiño” de 12 meses, ha sido …