No marco das actividades organizadas ao redor do Día das Letras Galegas e do Día dos Museos, a concellería de Cultura de Fene anuncia un taller de creación de libro de artista, inspirado na figura de Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado este ano polo 17 de maio.
A actividade, titulada “Un libro… unha viaxe. Creación de libro de artista”, terá lugar o sábado 27 de maio ás 11 horas nas instalacións do Museo do Humor Xaquín Marín e vai dirixida a persoas (nenos ou adultos) a partir dos oito anos.
A participación no taller é gratuita pero cómpre apuntarse antes do venres 26 de maio ás 14.00 horas enviando un correo a cultura.deportes@fene.gal, indicando o nome completo da persoa e un teléfono de contacto. Prazas limitadas (10).
“Un libro… unha viaxe” está inspirado na figura de Francisco Fernández de Riego, creador/fundador da editorial Galaxia. No taller, dirixido por Laura Bouza, do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity, “viaxaremos a través da guía Unha pegada, unha viaxe”, o que nos servirá como punto de partida para embarcármonos nesa aventura que é a creación dun Libro de Artista. Inspirarémonos nos seus textos e deixaremos voar a nosa imaxinación coa técnica do collage, debuxo, manchas, etc.Imaxen e palabra mesturaranse para dar como resultado uns libros únicos e orixinais, dignos da editorial Galaxia”.
Ademais, coa técnica do collage “profundizaremos na obra do artista francés Henry Matisse e a súa derradeira etapa artística. Coa súa enganosa simplicidade sentaremos os cimentos dos nosos libros en formato de acordeón para continuar engadindo textos, palabras (extraídas do mencionado libro e imaxes evocadoras)”.