A candidata de Terra Galega, Marián Ferreiro, xunto con integrantes do seu equipo, retomou esta noite os actos electorais do partido na parroquia de Freixeiro. Alí abordou parte das actuacións que se realizaron na zona nos últimos catro anos e tamén presentou as principais liñas que marcan o programa electoral de TEGA, con varias propostas para este barrio da cidade. “Un dos nosos compromisos para o vindeiro
mandato é a construción dun novo espazo de lecer para a xente nova”, asegurou Ferreiro, subliñando que “este espazo permitirá diversificar e ao tempo complementar as funciónsda Casa da Mocidade, na Gándara e permitirá ás rapazas e rapaces contar cun novo espazo cuberto no que desenvolver varias actividades adaptadas á súa idade”.
Ferreiro recordou tamén que se continuará avanzando na humanización progresiva dos espazos públicos dos barrios e apostando pola mellora da eficiencia enerxética e a accesibilidade. Entre as propostas para a cidade citou tamén a construción dun rocódromo, dun área con tobogáns xigantes e a instalación no parque de Freixeiro dun columpio para persoas discpacitadas.
A instalación dunha rede semafórica intelixente, actuacións en materia de igualdade, para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, en contra da violencia de xénero, vencelladas á área de Formación… foron tamén algunhas das propostas que avanzou a candidata de Terra Galega ás veciñas e veciños de Freixeiro.
A mellora de instalacións deportivas e a construción de novos equipamentos na cidade e a aposta por conservar e divulgar a cultura e o patrimonio locais están tamén moi presentes entre as propostas da formación para os vindeiros catro anos. Todas estas propostas, tal e como recalcou Ferreiro, “buscan manter, continuar e fortalecer o proxecto transformador que ten Terra Galega para esta cidade”.
O seguinte acto electoral de TEGA terá lugar mañá martes ás 21.00 horas no centro cívico social de Sedes, ao que se invita a acudir ás veciñas e veciños que queiran coñecer de primeira man o programa da formación para o período 2023-2027.