Iván Rivas candidato á alcaldía do BNG de Ferrol, demandou o mércores 10 de maio aos partidos políticos da cidade «que poñan dunha vez por diante os intereses de Ferrol fronte aos da administración estatal»
«O anuncio por parte do goberno do Estado no que se propón mercar as parcelas destinadas a vivenda do Sánchez Aguilera demostra que a aprobación do convenio escondía un pelotazo urbanístico que agora se visibiliza en menos de dous meses tras a aprobación do convenio con Defensa»
Iván Rivas salienta que Ferrol «conta con espazos abandonados no barrio do Bertón e no barrio de Canido suficientes para construír vivenda nova sen hipotecar o futuro da cidade a través dunha operación especulativa no lugar onde deberiamos desenvolver un gran espazo verde que conectase os barrios de Canido, A Magdalena e Sta. Mariña»
Para o BNG os pasos que se desenvolveron «son de manual»
«Primeiro o concello recalifica uns terreos multiplicando o seu valor exponencialmente para posteriormente o goberno do Estado aprobar a compra deses terreos»
«Diante do acontecido xorden moitas preguntas como:
Por qué o Estado non mercou os terreos antes da súa recalificación, para que así fosen os ferroláns os que decidisen libremente o futuro deste espazo central da cidade, en función das súas necesidades e non dos intereses económicos do Mº de Defensa?»
«Por qué o Estado non mercou as parcelas xa urbanizadas do Bertón e Canido para desenvolver as vivendas incluídas na súa planificación de modo que podería comezar a construción desas vivendas de xeito inmediato?»
«Por que o Estado non incrementa os fondos destinados á recuperación do 27,8% das vivendas infrautilizadas existentes na cidade no canto de mercar terreos pendentes de urbanizar?»
«Por estas razóns e diante desta descarada operación especulativa o Bng comprométese a revisar todo o expediente administrativo desenvolvido en relación co convenio con Defensa co obxecto de poñer por diante os intereses da cidade e non intereses alleos, demandando a reconversión deste espazo central da cidade como un gran pulmón verde e eliminando desta planificación a construción dun centro comercial de 24.000 m2″, conclue