O programa municipal de Prevención da depresión e mellora da saúde mental continúa con dúas novas conferencias

O ciclo de conferencias do programa de Prevención da depresión e mellora da saúde mental continuará desenvolvéndose este mes na cidade de Narón , tal e como indicou o concelleiro de Sanidade, Manuel Ramos. A primeira das citas será esta mesma semana, o xoves día 11. O salón de actos do Centro Cívico Social do Alto do Castiñeiro acollerá a sesión, ás 19.30 horas, a cargo da psiquiatra e psicoterapeuta orientada ao trauma Anabel González, que falará sobre “Cambios vitais: como afrontar os momentos de cambio na nosa vida”.

A segunda das citas será o 27 de maio ás 11.00 horas nas citadas instalacións, onde a psicóloga xeral sanitaria especializada en sexoloxía, terapia sexual e de parellas, Martina González, falará sobre “Sexualidade e relacións de parellas: vínculos, como afectan á nosa saúde mental”. O edil naronés destacou o éxito que están tendo estas convocatorias entre as veciñas e veciños. “Abórdanse uns temas de moita importancia e actualidade, sempre dende o punto de vista de profesionais en cada unha das materias e vencellados a saúde mental, que é un área que temos que tratar no día a día e un problema que padecen moitas persoas de todas as idades”, apuntou Ramos.

Así mesmo, o concelleiro destacou o feito de que as persoas que acuden ás conferencias “teñen a oportunidade de interactuar e formular as preguntas que consideren sobre a temática que se trata en cada caso”. Finalmente recordou que se continuarán desenvolvendo actividades vencelladas a este Programa de Prevención da depresión e mellora da saúde mental ata o vindeiro mes de xuño.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …