A corporación municipal de Narón aprobou por unanimidade no pleno do xoves 27 o Plan de Actuacións para minimizar perdas na rede de abastecemento da cidade. O voceiro de Terra Galega, Román Romero, explicou que se trata dun documento deseñado para catro anos, concretamente o período 2023-2026 e que dispón dunha partida conxunta que ronda os 455.000 euros.
O citado plan de actuacións permitirá completar os traballos que se realizan nesa área na cidade dende o ano 2003, con reducións significativas nas perdas da rede de abastecemento dende entón. O edil naronés cuantificou en 20 millóns de metros cúbicos de auga, o que implica case tres veces o volumen útil do embalse das Forcadas, o aforro acumulado de auga entre 2003 e 2022.
Entre as actuacións contempladas no plan recóllense a instalación de novos contadores de telelectura a través dos que detectar fugas interiores e obter datos diarios para o cálculo de rendementos da rede e a realización de simulacións con modelización matemática da rede de abastecemento, para optimizala e estudar zonas de control de presión. A maiores, estableceranse patrullas diurnas e nocturnas para a inspección da rede con prelocalizadores e correladores dixitais, a renovación de contadores e a xeolocalización e control remota de consumos municipais.
No pleno aprobáronse inicialmente as modificacións do regulamento de selección do persoal funcionario interino e laboral temporal e da ordenanza reguladora da venda ambulante en Narón. No primeiro caso os cambios permitirán adaptar a normativa á lexislación vixente aprobada nos anos 2020 e 2021 sobre nomeamentos de interinos e contratos temporais e no segundo actualizarase a normativa á lei autonómica actualmente en vigor. Así mesmo, aprobouse inicialmente a ordenanza de Normalización Lingüística do Concello de Narón, que establece unhas liñas de actuación para incorporar o idioma en todos os ámbitos, entre outros puntos. As tres normas están incluídas no Plan Normativo do Concello de Narón 2022.
O convenio de colaboración do Concello no proxecto “Espazos sen fume”, coa Asociación Española Contra o Cancro foi outro dos puntos que saíu adiante no pleno deste xoves. O Concello de Narón colaborará na difusión desta campaña, visibilizando os establecementos e instalacións públicas e determinando como novo espazo sen fume a zona da Costa Ártabra.
Na sesión plenaria aprobouse tamén a subministración mediante o sistema de renting dun vehículo de atestados para a Policía Local. No apartado de mocións aprobouse por unanimidade a presentada polo PSOE sobre o nomeamento dunha sala ou espazo público co nome de Octavio Alejandro Dopico Pérez, exconcelleiro socialista na cidade que finou no ano 2019.