O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol fixo público este mércores, día 12, a candidatura completa coa que concorrerá aos vindeiros comicios municipais de maio. «Unha candidatura de persoas orgullosas da súa cidade coñecedoras do potencial, dos recursos e da capacidade de Ferrol para avanzar e que están dispostas a rachar coa resignación convencidas de que Ferrol merece máis» afirma a formación a través dun comunicado
O segundo tramo da candidatura do BNG agrupa a «un colectivo de homes e mulleres que participan activamente na vida social da nosa cidade, en moitos casos enfrontándose con valentía na resolución dos grandes conflitos que vive a nosa cidade na loita por mellorar as condicións laborais da nosa cidade, como é o caso de Beatriz Fernández, membro da executiva comarcal da CIG e delegada sindical en Domus VI, pola recuperación e dignificación da nosa cultura, como o caso de Pepe Cunha, director do programa radiofónico Ábrete de Orellas e autor da biografia musical de Guadi Galego, ou polas condicións nas que milleiros de nenos desta cidade teñen que desenvolver a súa actividade deportiva, como é o caso de Jorge Jimenez, adestrador do club natación Ferrol»
«Veciñas tamén, como Raquel Vilariño, traballadora da sanidade que representa á mocidade que quere ter un futuro na nosa cidade. Igual que Laura Maroto, unha autónoma que rexenta un posto no Mercado da Madalena, nunha clara aposta pola defensa do comercio local. Representantes do movemento veciñal como Monica Brá, da entidade veciñal de Brión, Maria Xose Pita ou Isabel Riveiro da asociación de Recimil ou o tesoureiro da A.V.V de Santa Mariña Jose Ramón López, veciños que cada día poñen de relevo as grandes necesidades que padecen ós veciños de Ferrol» engaden
«Xunto a eles, expoñentes do rico tecido cultural e da nosa capacidade de expresión propia, como Bruno Lopes, membro da Fundaçom Artábria, Xoan Padín, músico, reivindicando as nosas grandes potencialidades. Representantes dos mestres e mestras comprometidos cun ensino público e plural como Andrea Martíns ou o profesor da UDC Alexandre Peres. Traballadoras do CAMF como Rita Lázare, sempre reivindicando melloras neste centro que contribúan a facer máis fácil a vida das súas usuarias, traballadores do SERGAS como Francisco Vilariño e como non, persoas que forman parte do principal tecido produtivo da cidade como Carlos Outeiro membro do comité de Navantia e pecha a candidatura o Deputado Món Fernández»
O BNG sinala que «esta candidatura ten unha significativa presenza de persoas independentes o que evidencia cada vez hai máis sectores sociais que identifican co noso proxecto de cidade e que ven no BNG a mellor ferramenta para que Ferrol desenvolva toda as súas potencialidades»