Convocadas catro novas conferencias do programa municipal de Prevención da depresión e mellora da saúde mental

O ciclo de conferencias do programa de Prevención da depresión e mellora da saúde mental continuará na fin de semana próxima na cidade de Narón. O sábado día 15 de abril terá lugar unha nova charla, nesta ocasión sobre “A importancia das relacións sociais e a comunicación cos demais na nosa saúde mental”, a cargo da traballadora social, formadora e mediadora familiar Paula Paz. A convocatoria dará comezo ás 11.00 horas no salón de actos do Centro Cívico Social Manuela Pérez Sequeiros, con entrada libre ata completar a capacidade da sala, tal e como indicou o edil de Sanidade, Manuel Ramos.

A seguinte convocatoria deste mes será o sábado 29, tamén ás 11.00 horas no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros. A proposta para esa xornada será unha mesa redonda con Lidia Sánchez, psicóloga especializada en psicoloxía clínica, que falará sobre “Vivir cun problema de saúde mental, a importancia de comprender e empatizar”.

O ciclo de conferencias continuará no mes de maio con outras dúas propostas. O día 11 ás 19.30 horas o salón de actos do Centro Cívico Social do Alto acollerá a da psiquiatra e psicoterapeuta Anabel González, sobre “Cambios vitais: como afrontar os momentos de cambio na nosa vida”. A segunda conferencia de maio será o día 27 ás 11.00 horas, tamén nas citadas instalacións do Alto, e correrá a cargo de Martina González Veiga, psicóloga xeral sanitaria, especializada en sexoloxía, terapia sexual e de parellas. González falará sobre “Sexualidade e relacións de parellas; vínculos, como afectan á nosa saúde mental”.

O concelleiro de Sanidade animou á cidadanía a acudir a estas conferencias, nas que os asistentes terán a oportunidade de interactuar coas ponentes e realizar as consultas que, sobre a temática abordada en cada caso, estimen oportunas.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …