O Parlamento Galego abordará o vindeiro venres a situación do IES Ferrol Vello e a necesidade de dotar ao centro dun pavillón deportivo. O deputado do BNG, Mon Fernández, defenderá unha iniciativa na que insta a Xunta a realizar as modificacións de crédito necesarias para iniciar de inmediato as obras para dotar ao IES Ferrol Vello do necesario pavillón para a práctica deportiva.
Mon Fernaández lembra que o IES Ferrol Vello carece desde o inicio da súa actividade como centro de educación secundaria da infraestrutura necesaria para impartir as aulas de educación física, xa que carece dun pavillón deportivo. Este feito implica ter que desprazar ao profesorado e aos alumnos e alumnas as instalacións de FIMO para poder desenvolver alí a materia de Educación Física, con todo o que isto supón de perda de horas nos desprazamentos, agrupar as horas semanais desta materia, ademais do gasto que supón ter que contratar de xeito regular un bus para estes desprazamentos.
Lembra o BNG que a Comunidade Educativa do centro ven reclamando á administración educativa a construción dun ximnasio para o instituto que se adecúe á lexislación vixente para poder impartir con normalidade unha materia de impartición obrigatoria. Esta situación non é ningunha novidade e desde hai moitos anos a comunidade educativa leva reclamando que por parte das administracións con competencias nesta materia, Xunta de Galicia e Concello de Ferrol, se solvente esta cuestión.
O BNG salienta que a construción deste pavillón é unha iniciativa que conta co respaldo unánime do pleno municipal de Ferrol quen o pasado mes de xaneiro aprobou unha moción presentada polo BNG con esta finalidade.