O goberno local de Narón ultima unha nova zona para completar o estacionamento de proximidade da Solaina ante o peche parcial, a partir do vindeiro mércores, día 1 de marzo, de parte do que está actualmente operativo.
“Para habilitar no seu día ese aparcadoiro, ó igual que se fixo noutras zonas, chegamos a un acordo cos propietarios dos terreos afectados que, nun dos casos, e a pesar das reunións mantidas entre as partes, non se poderá renovar ante a inviabilidade de materializar as demandas formuladas polo titular do solo para manter esa cesión”, asegurou o edil de Obras, Pablo Mauriz
O concelleiro explicou que este mesmo mércores se procederá a delimitar a zona na que non se poderá estacionar e avanzou que “á vista de que as negociacións se complicaban polas demandas do propietario xa iniciamos os contactos oportunos para tratar de restablecer ese mesmo número de prazas, ou de ser posible algunhas máis, nunha área próxima ao citado estacionamento”.
Dende o goberno local incidiron en que “continuaremos traballando como o vimos facendo para ofrecer este servizo á cidadanía, tal e como o constata o feito de que hai tan só unha semana se iniciasen os traballos de construción do da Gándara e estea adxudicado tamén o de Piñeiros, cun investimento de 216.000 euros”.