A candidata número 2 do BNG ao Parlamento galego, Ana Pontón, participou na mañá de onte, xunto ao candidato Fernando Branco, ao candidato e portavoz municipal en Fene, Manuel Polo e á candidata e responsábel comarcal Mercedes Tobío, nun encontro con representantes das confrarías de mariscadores de Ferrol e Barallobre, que lle transmitiron nesta reunión a situación calamitosa da ría, que ameaza co feche das confrarías.
Rolda de prensa
Na rolda de prensa posterior ao encontro cos mariscadores e mariscadoras, a candidata número 2 pola Coruña e anterior portavoz parlamentar do BNG, Ana Pontón, puxo de manifesto que as rendas dos mariscadores e mariscadoras caeron até niveis de miseria e advertiu de que os bancos marisqueiros están esquilmados. Precisamente, o libre marisqueo está a menos dun 20% dos recursos do ano pasado nestas datas.
Ana Pontón salientou que situación que padece a ría vén dada pola nefasta política da Xunta de Galiza, que ten abandonado o sector. «Na xuntanza cos representantes das confrarías constatamos que o PP se equivocou cando eliminou o plan de dinamización desta ría e que a batea para depurar o marisco das zonas C fracasou, dados os numerosos problemas á hora de depurar o produto«, denunciou a nacionalista. «Conscuencia das políticas fracasadas da Xunta de Galiza na ría de Ferrol, as rendas dos mariscadores e mariscadoras caeron até niveis de miseria e centos de persoas están a sufrir verdadeiros dramas e situacións desesperantes, coa perda da vivenda incluída», engadiu.
Ana Pontón lembrou que, na sesión de investidura, Feijóo prometera que crearía 20.000 postos de traballo para mariscadores e mariscadoras, «e, lonxe de conseguir aumentar postos de traballo no sector, Feijóo logrou que hoxe en día haxa 4.000 mariscadores e mariscadoras menos no país».
«A rexeneración da ría podería crear centos de postos de traballo de calidade»
A candidata do BNG apostou pola recuperación integral da ría, que crearía centos de postos de traballo de calidade. «Hai que ter en conta que a ría de Ferrol foi das máis produtivas de Galiza e hoxe en día sofre graves problemas de contaminación, debido ao incumprimento das obrigas por parte da Xunta de Galiza e do Goberno central, que foron incapaces de adoptar medidas en defensa do sector», afirmou.
A candidata nacionalista sinalou que é necesario impulsar o marisqueo como un dos sectores estratéxicos da comarca. «Só mediante unha política de apoio aos sectores económicos que, tradicionalmente, serviron de sustento á economía galega, lograremos parar a sangría do desemprego e crear postos de traballo», afirmou. Nesta liña, avogou por explotar as vantaxes comparativas de Ferrolterra e por crear emprego a través de políticas propias que non dependan nin se sometan ás directrices chegadas desde Madrid e desde Bruxelas.
Ana Pontón, que apelou á aproveitar o potencial da ría de Ferrol, propuxo un programa de recuperación dos bancos marisqueiros a dotación de instrumentos para garantir a autosuficiencia na subministración da semente propia e o combate ao furtivismo. Tamén apostou por restituírlles as axudas ás mariscadoras maiores de 65 anos pendentes de acceso á xubilación e melloras sociais e recoñecemento laboral aos e ás mariscadoras.
Branco Parga acusa a Feijóo de incumprir os 13 puntos do contrato con Ferrol
Pola súa banda, o candidato número 4 pola Coruña, Fernando Branco Parga, criticou o incumprimento dos 13 puntos do contrato de Feijóo con Ferrol. «Insistiu daquela Feijóo que non se trataba dunha promesa, que se trataba dun contrato e que de non cumprilo, non se volvería presentar«, advertiu.
O até entón parlamentar nacionalista, que fixo alusión ao sector naval e ao eólico na comarca, alertou de que «con Feijóo, que tivo abandonada a Ferrolterra, fomos a peor» e denunciou as acusacións do PP contra os e as mariscadoras, aos que acusara de non querer traballar. «Os e as mariscadoras da nosa ría queren vivir con dignidade do seu traballo», destacou.
O candidato do BNG, que aludiu ás numerosas iniciativas presentadas polos nacionalistas nas diversas institucións para a recuperación do plan de dinamización da ría (que contaron co voto en contra do PP), criticou que a conselleira de Mar, Rosa Quintana, a número 2 do PP pola Coruña, non dera a cara polo sector. «En vez de favorecer os traballos para mellorar a ría, a conselleira de Mar preferiu mirar cara a outro lado, pondo en perigo a continuidade da actividade produtiva para 500 familias«.
Visita aos traballadores de Navantia fechados no Concello
Despois da rolda de prensa, os candidatos e candidatas do BNG foron visitar os traballadores de Navantia e de empresas auxiliares fechados no Concello para lles amosar o apoio da organización frontista.