As actividades dos obradoiros Casa Aberta continúan desenvolvéndose na cidade de Narón. A concellería de Mocidade, dirixida polo edil Pablo Mauriz, impulsa esta iniciativa, pensada para menores de 12 a 16 anos e que se leva a cabo este mes de decembro na casa da Mocidade, na Gándara.
O concelleiro naronés recordou que para participar nas actividades é preciso anotarse, de balde, nas citadas instalacións municipais o venres ou o sábado en horario de 17.30 a 20.30 ou tamén a través dunha mensaxe directa en Instagram ou Facebook (@casaabertanaron).
Este venres 23 de decembro haberá un obradoiro sobre Cinefórum ó que poderán asistir dez persoas e o 26 de decembro outro sobre Reciclaxe textil tamén para unha decena de participantes. Os seguintes programáronse para o día 27, sobre Xornadas de xogo de rol, 20 persoas; 28, Danza urbana e beatbox, 15 persoas, e 29, de Escape Room, 10 participantes.
Obradoiros de Educación na Igualdade, de Educación na diversidade, de Educación no uso das novas tecnoloxías, de Educación medioambiental e reciclaxe, un Espazo de xogo comunitario con futbolín, tenis de mesa, dardos, xogos de mesa e videoxogos forman parte das propostas de Casa Aberta.
“Quixemos ofrecer unha serie de propostas de ocio diferentes a un colectivo dunha idade moi concreta, co obxectivo de apostar pola socialización en torno ó xogo” asegurou Mauriz.