Os establecementos hostaleiros do proxecto Xeoparque Cabo Ortegal distribuirán 10.000 guías sobre o territorio

Fot. Víctor Hugo

A Nave do Mercado de Moeche foi o escenario escollido na mañá deste xoves para a presentación da nova guía ‘20xvinte Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal’. Trátase dunha iniciativa apoiada pola área de Turismo da Deputación co obxecto de reforzar as actividades que se están a realizar na promoción de Cabo Ortegal á candidatura para que este territorio sexa declarado Xeoparque por parte da Unesco.

 A guía ‘20xvinte Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal’ conta cunha tirada de 10.000 exemplares que serán distribuídos en 30 establecementos hosteleiros –entre hoteis, casas rurais e vivendas de uso turístico- dos sete concellos que conforman o proxecto de xeoparque: Moeche, Ortigueira, Cedeira, Cariño, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño.

 No acto de presentación, ademais de hostaleiros, hostaleiras e embaixadores e embaixadoras participantes na guía, estiveron presentes a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, e a directora de 20xvinte, Mónica Seoane. A directora do proxecto quixo agradecer o apoio do departamento provincial de Turismo para facer realidade “un recurso que irá a parar directamente ás mans de 10.000 visitantes que se acheguen a diferentes puntos de Ortegal nos vindeiros meses”.

A rexedora de Moeche, Beatriz Bascoy, tamén coincidiu en agradecerlle ao departamento que xestiona Xosé Regueira “a súa implicación en iniciativas que promoven o desenvolvemento local porque para concellos pequenos como o noso, este tipo de apostas son moi importantes”.  Aproveitou a presentación para facer un convite expreso a coñecer os recursos turísticos do seu concello asegurando que “a mellor maneira de coñecer o que está a pasar en Moeche é vir a Moeche, onde pode parece que temos pouca oferta hostaleira pero a que temos destaca pola súa calidade e por traballar cun produto único”.

 Pola súa banda, Xosé Regueira puxo o foco en todo o traballo que o seu departamento provincial leva realizando ao longo dos últimos anos, de xeito continuo e desde diferentes ópticas, para sacar adiante o proxecto de Xeoparte de Cabo Ortegal da man dos 7 concellos, e presentalo á candidatura da Unesco nas condicións máis vantaxosas posibles. “Eu agardo que teñamos boas novas ao respecto para a primavera”, asegurou o vicepresidente referíndose á posible certificación de Cabo Ortegal como Xeoparque. Xosé Regueira tamén indicou que a distribución da guía 20xvinte achega ao territorio “un recurso necesario, digno e útil tanto para visitantes como para a comunidade local”, ao tempo que aproveitou para poñer como exemplo o traballo realizado desde Moeche na promoción turística asegurando que “poucos concellos tan pequenos foron capaces de situarse no mapa como referente turísico, e se isto é así é porque aquí se soubo traballar da man dos distintos sectores, valorando o territorio e aproveitando o potencial propio”.

A guía

 A guía ‘20xvinte Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal’ recolle, ademais dos recursos hostaleiros do territorio, as recomendacións de 20 embaixadores e embaixadoras que, a través das súas recomendacións persoais, van percorrendo puntos salientables dos sete concellos do xeoparque. Entre este elenco de participantes, que aparecen mencionados só con nome de pila, atópanse perfís tan diversos como Rafael, o pai do banco de Loiba; Lara, xornalista e influencer; Pablo, surfer e empresario; Aurora, guía de montaña; ou Álvaro, patrón de barco. No acto de presentación da guía desta mañá, tamén interviron Marta López, unha das embaixadoras que participa na guía, Irene Maneiro da casa de turismo rural Penaquente de Espasante, Ortigueira, e Joaquín Rubal, guía, xeógrafo e redactor da guía.

Lea también

Puesta en marcha en Ortigueira del I Certamen de Decoración de Navidad

El Concello de Ortigueira pone en marcha el primer Certamen de Decoración de Navidad, una …