Posta en marcha do programa “Puntoxpunto Infodrogas Narón”

O concelleiro de Sanidade, Santiago Galego, presentou este venres, día 11 de novembro xunto con representantes da Asociación Ferrolana de Drogodependencias-Asfedro, Clara Alberto Ucha, vicepresidenta, Francisco Varela Cachaza, secretario, e Rebeca Graña, educadora social, o proxecto “Puntoxpunto Infodrogas Narón”.

Este recurso educativo ofrecido ós centros de ensino da cidade, para a etapa de ESO, consiste “nun punto de información virtual sobre drogas e adiccións ó que se pode acceder a través da rede social Instagram”. Información sobre drogas e adiccións e un xogo interactivo de preguntas para valorar e ampliar os nosos coñecementos sobre estes temas forman parte dos contidos deste programa, sobre o que se informará cun reparto de marcapáxinas nos centros de ensino e donde haberá diferentes sesións para coñecer o material divulgativo nas aulas.

A iniciativa comezará a desenvolverse dende a xornada de hoxe e rematará en decembro deste ano, período no que se traballará tanto co alumnado como co profesorado dos centros de ESO e coas súas familias.

“A necesidade de canalizar estratexias preventivas, deseñando programas que teñan presente o constante cambio e evolución no xeito no que a mocidade se relaciona, aprende e recibe a información é o punto de partida deste proxecto”, recalcou o edil de Sanidade, e agradeceu o traballo que se leva a cabo dende ASFEDRO nestos temas tan importantes para a poboación en xeral e a mocidade en particular.

A información que circula nas redes sociais sobre o uso das substancias ou do manexo de internet, está en ocasións sesgada, pode ser contraditoria, ter escasa base científica e facilita a normalización do consumo e a aparición de condutas de risco asociadas a el.

Por este motivo, dende o Concello de narón e Asfedro considerouse fundamental a creación dun espazo virtual de referencia, no que se transmitan os coñecementos necesarios sobre esta problemática dende unha perspectiva non invasiva, empática e veraz e no que a través de diferentes infografías, animacións e vídeos explicativos, facilitaremos ós mozos un lugar seguro para promover a reflexión e a toma de decisións relativa a estas cuestións.

O seu contido creativo e participativo conta tamén coa ferramenta de aprendizaxe PuntoxpuntoNarón Salúdicos, un xogo interactivo de preguntas que permite avaliar e ampliar o coñecemento xeral no campo das drogas e as adiccións, aportando respostas esclarecedoras e transformadoras de percepcións e ideas preestablecidas sobre as mesmas.

As persoas interesadas poden acceder ao contido da páxina a través da seguinte ligazón: www.instagram.com/puntoxpuntonaron/

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …