Os bombeiros de Narón participaron nun simulacro de rescate nun parque eólico do veciño concello de Valdoviño, a petición da empresa Naturgy e coa colaboración da firma Tecforse Formación, especializada en formación industrial e en Emerxencias
Inicialmente participaron nunha sesión formativa no interior dun aeroxerador para coñecer todos os elementos que o compoñen e os posibles riscos, para despois realizar un simulacro dun rescate no que un operario se atopaba atrapado no interior do aeroxerador.
Os efectivos, empregando técnicas de rescate con cordas tiveron que baixar ó operario para proceder ó seu posterior traslado.
Entre outras accións, puideron comprobar os tempos de resposta, ó ser o Speis o servizo máis próximo ó citado parque eólico, que conta con 25 aeroxeradores cunha altura de 52 metros.
Dende o Speis indicaron que todos os seus efectivos pasaran nos diferentes turnos por esta formación.