O Concello de Narón abriu este luns, día 17 de outubro, o prazo de inscrición na segunda edición do programa “Adiante Narón”, unha iniciativa sobre emprendemento que se desenvolverá en 16 módulos de tres horas de duración cada un e impartidos por expertos en diferentes áreas.
O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, presentou a convocatoria acompañado por Venancio Salcines, presidente da EF Business School, Juan Martín e María Uceda, director de innovación e directora de desenvolvemento de negocio, respectivamente, da cidada entidade e deseñadores do programa desta convocatoria.
Dende o colectivo destacaron “o apoio incondicional do Concello de Narón ó sistema emprendedor como fonte de riqueza económica, modelo de xeración de postos de traballo e desenvolvemento económico sostible”. Pola súa banda, Pita incidiu nesa aposta do Concello por fomentar o autoemprego e o emprendemento a través da formación e o acompañamento aos participantes.
Detección de oportunidades e piares do proxecto, estratexia e dirección comercial, análisis de viabilidade e proxeccións económico-financieiras, e aspectos legais son os temas que se abordarán na convocatoria, tal e como avanzou.
O edil destacou ademais a valoración realizada polos participantes na anterior edición, que puntuaron cun 97% de satisfacción. Así mesmo, o concelleiro avanzou que en total se ofertan 15 prazas, co fin de ofrecerlles ós asistentes unha atención máis persoalizada e dar un maior dinamismo á actividade.
As sesións impartiranse durante os meses de novembro dende o 17 e decembro ata o día 21, deste ano no Café Teatro do Pazo da Cultura, de luns a venres en horario de mañá, de 10.00 a 13.00 horas, tal e como avanzou Pita.
As inscricións son de balde e poden tramitarse ata o 15 de novembro a través do número de teléfono 881 878 634 ou do enlace: https://efbs.hubspotpagebuilder.com/m%C3%A1ter-lean-0-1
O edil naronés recordou que da primeira edición deste evento xurdiron empresas como Autovana Motor e La sazón Gourmet, “o que confirma que este programa facilita ós emprendedores unha serie de coñecementos para desenvolver unha actividade económica e, a maiores, o impulso e seguemento que requiren nas primeiras fases empresariais”