«A visitadora de prisións» continúa a súa rodaxe na comarca de Ferrolterra

Desde este luns 13 ata o vindeiro 29 de febreiro, o Mosteiro de Santa Catalina do Concello de Ares, o Castelo de San Felipe e a praia de Doniños de Ferrol, as Fragas do Eume e Cabanas converteranse nos platós de rodaxe de A visitadora de prisións.

Protagonizada por Blanca Portillo e dirixida por Laura Mañá, A visitadora de prisións é unha película para televisión producida por Zenit TV e Distinto Films, coa produción executiva de Miriam Porté e Zaza Ceballos, en coprodución con Televisión de Galicia, Televisió de Catalunya e Televisión Española. Tamén recibiu o apoio do ICAA, da Consellería de Cultura e Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, do ICIC e do Instituto de la Mujer.

Acompañan á actriz protagonista a ferrolá Mabel Rivera, que interpreta a Juana de Vega e Pere Arquillué, que encarna a Garrido, o alcaide da prisión. Con eles participan Xosé Barato, Luísa Merelas, Isabel Naveira, Paula Carballeira, Patricia Vázquez, Dani Lago, Anna Casas, Diana Gómez, Óscar Rabadán, Candela Fernández, Fermí Reixach e Juanma Lara, entre un nutrido grupo de actores.

O elenco está apoiado pola participación de máis de 100 figurantes procedentes na súa meirande parte da bisbarra de Ferrolterra, que recrearán o ambiente decimonónico no  que se desenvolve a historia.

Tras dúas semanas de rodaxe en Barcelona, o equipo de A visitadora de prisións seguirá o seu traballo en Galicia durante tres semanas máis.

A loita pola dignidade humana

A visitadora de prisións, ambientada a mediados do século XIX, recrea a época na que a avogada e escritora Concepción Arenal traballou como visitadora de prisións de mulleres na  Coruña, o que daría como froito algunhas das súas obras clave que habían de servir de base  para a reforma do sistema penal imperante en España. A película, que rescata esta figura  fundamental na historia dos séculos XIX e XX, ten como escenario principal unha prisión de  mulleres, buscando retratar con fidelidade as duras condicións de vida nos presidios da  época. Axudada pola ficción, A visitadora de prisións pretende reflectir a influencia que  a obra social e ensaística de Concepción Arenal exerceu no cambio desta penosa realidade.

Lea también

La biblioteca de Valdoviño acoge un taller sobre la violencia machista

Valdoviño acoge este lunes 27 el taller Stop Motion #DeFronte que impulsa el área de …