Coincidindo coa emisión o vindeiro xoves día 15 do primeiro dos espazos radiofónicos que se inclúen no proxecto Onda ODS, os representantes das asociacións de emisoras locais que promoven esta iniciativa manterán unha xuntanza co propósito de sentar os cimentos para a constitución dunha federación
que agrupe a todos estes colectivos.
As Emisoras Municipais Galegas (EMUGA-RADIOFUSIÓN) en asociación coas Emisoras Municipais de Andalucía (EMA), La Xarxa-Radio Televisión Cardedeu (Cataluña) e a Rede Estatal de Medios Comunitarios son algunhas das agrupacións de medios locais que están detrás dunha proposta encamiñada a dar pulo ás emisións e á programación local, aproveitando sinerxías e traballando de forma conxunta na produción de contidos.
Durante a xuntanza, analizarán e debateran o borrador dos estatutos sobre o que levan traballando desde hai tempo. Será unha boa oportunidade para tomar conciencia da situación na que se atopa o sector da comunicación radiofónica, reflexionando sobre os retos aos que ten que facer fronte no futuro e debullando os camiños polos que debe transitar para manter os parámetros de competitividade dentro dun paradigma de comunicación dixital cada vez máis esixente.
Logo desta primeira toma de contacto, as agrupacións someterán o documento ao consenso interno, estando prevista unha nova reunión en novembro para a constitución definitiva e a firma dos estatutos. A xuntanza terá lugar en Andalucía, con motivo da emisión dun novo programa informativo de Onda ODS.
Unha das liñas de traballo sobre as que se quere incidir é a de aproveitar as sinerxías e colaborar na produción de espazos que poidan realizar de forma coordinada e, neste sentido, proxectos como o de Onda ODS, que están a desenvolver conxuntamente entre todas estas emisoras, poden marcar a liña a seguir.
A iniciativa, na que colaboran máis de 300 medios locais de toda España co apoio do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, aspira a desenvolver unha estratexia de comunicación encamiñada a sensibilizar á cidadanía e fomentar a reflexión na audiencia ao respecto dos obxectivos e propósitos recollidos na Axenda 2030 aprobada pola ONU.
Como parte das súas actividades emitirán trinta programas informativos, producirán quince vídeos que amosarán outras tantas iniciativas dinamizadoras do medio rural que loitan contra o despoboamento do mesmo, e trinta podcast vinculados coa desigualdade de xénero e o cambio climático a través de exemplos reais.
Primeiro espazo informativo
O primeiro destes espazos informativos emitirase o xoves, entre as nove e as once da mañá, desde a sede do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), situada no Castelo de Santa Cruz de Oleiros. Susana Falcón, de Radiofusión, e Pablo García, de Radio A Estrada, conducirán un programa que estará amenizado pola música da cantautora Sofía Espiñeira, e que contará coa presenza entre o público de alumnos de varios centros educativos da provincia, así como con representantes de movementos veciñais e asociativos da zona.
A emisión abordará asuntos relacionados coa emerxencia climática e ambiental, o despoboamento do rural ou a crise demográfica, entre outros, dándolles un enfoque próximo e ofrecendo visibilidade a iniciativas que, desde o local, loitan en favor dun desenvolvemento máis sustentable.