Obradoiros de robótica para infancia e adolescentes en Narón

O Concello de Narón programou, a través da área de Ensino, dirixida pola edil Mercedes Taibo, dous obradoiros de robótica, un deles dirixido a menores de 8 a 11 anos e outro para os de 12 a 14.

O prazo de inscrición nesta actividade abrirá o vindeiro xoves, 1 de setembro, podendo tramitarse ata o 23 do citado mes, incluído. Taibo explicou que as sesións se impartirán na Casa da Mocidade, entre os meses de outubro deste ano e maio de 2023 en horario de tarde, en función de cada convocatoria.

A edil naronesa indicou que no caso dos obradoiros para infancia (8 a 11 anos) se ofertan un total de 20 prazas, ata un máximo de dez por cada un dos dous grupos que se habilitarán, os luns de 16.00 a 17.30 ou ese mesmo día de 17.30 a 19.00 horas.

Os conceptos básicos da programación por bloques, a creación de videoxogos en 2D, a programación de drons intelixentes, o funcionamento dos ordenadores e circuítos eléctricos e a construción e programación dun robot con Lego Wedo 2.0 interpretando planos forman parte dos contidos que se abordarán no obradoiro para infancia. No caso do obradoiro de robótica educativa para adolescentes (12 a 14 anos), hai un total de dez prazas e as sesións serán os xoves de 18.00 a 19.30 horas.

A construción e programación de robots utilizando sistemas de Lego Wedo 2.0 e Spike Prime, o funcionamento dun ordenador, conceptos básicos de programación por bloques, creación de videoxogos en 2D e programación de drons intelixentes son os contidos deste obradoiro. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo a través da Sede Electrónica, do Rexistro municipal ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, utilizando o formulario dispoñible na Sede Electrónica de Narón.

O alumnado deberá abonar unha taxa de 8,15 euros ó mes, a estipulada na ordenanza fiscal número 15, e terá preferencia o alumnado de centros públicos da cidade. As prazas, no caso de superar a demanda á oferta, concederanse a través dun sorteo público.

As persoas interesadas en recibir máis información sobre estes obradoiros poden facelo a través do Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello, ou chamando ó número de teléfono 981 337 700 (extensións 1111, 1108 e 1109)

Taibo recalcou que “a través destas iniciativas ofrecemos unha proposta lúdica e didáctica sobre a tecnoloxía ós rapaces que queiran afondar na área da robótica, sobre a que dende o Concello impulsamos outras actividades ó longo do ano e cunha gran acollida”.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …