O alcalde accidental de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, asinou os convenios de colaboración coa Asociación Gallega de Trasplantados de Médula Ósea (Asotrame) e a Asociación de Exalcohólicos Ferrolterra, representadas polos seus respectivos presidentes, Cristina Piñeiro e Miguel Fraga.
O Concello de Narón destinará á renovación destes dous acordos unha partida que ascende en conxunto a 5.000 euros, tal e como indicou Sánchez Fojo. Na sinatura do convenio con Asotrame Sánchez Fojo estivo acompañado por Cristina Piñeiro e polo concelleiro de Sanidade, Santiago Galego.
A través do acordo rubricado con Asotrame continuarase desenvolvendo o programa “Asotrame é saúde: ioga para pacientes e expacientes oncolóxicos e familiares” no municipio. A actividade, tal e como se estipula no convenio, está considerada de interese social de carácter singular dado o colectivo ao que se dirixe. Trátase dunha proposta de balde e pensada para persoas en tratamento e expacientes con calquera tipo de cancro.
En canto ó convenio coa Asociación de Exalcohólicos Ferrolterra, que se asinou de xeito telemático, manterase o programa “Aprende a protexerte fronte á adicción”, para usuarios de Narón que se atopen en tratamento ambulatorio na Unidade de Condutas Adictivas con diagnóstico dalgunha adicción compartamental (ludopatía, adicción ás compras…) e adiccións con substancias como o tabaco, o alcohol, hipnosedantes…
Sánchez Fojo agradeceu ós representantes de ambas asociacións o traballo que realizan ao longo do ano coas persoas ás que se dirixen os seus programas e animounos a continuar “desenvolvendo un labor que é moi necesario e que grazas ó voso traballo pode axudar a moitas persoas”