A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, desprazouse este martes, día 2 de agosto, xunto cos edís de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, e Turismo, Natalia Hermida, á área recreativa de Pedroso, para anunciar, xunto con Ángel Sánchez e Martín Vázquez, presidente e secretario respectivamente da Asociación FurgoGalicia, que este venres, día 5, comenza na citada ubicación unha nova edición do Festival da Cultura Viaxeira Gulliver Fest.
As persoas interesadas en inscribirse na zona camper poden aínda facelo a través da web: www.gulliverfest.es donde se pode consultar toda a información deste evento, con numerosas actividades e concertos con entrada de balde.
O citado venres a zona camper e de autocaravanas, na que se inscribiron algo máis de 250, abrirá ás 10.00 horas e o festival a partir das 16.00 horas. Media hora máis tarde terá lugar un obradoiro de upcycling, para realizar unha mochila festivaleira, haberá que levar unha camiseta ou sudadera que xa non se utilice. Ás 18.00 horas será a primeira charla viaxeira, con Rubén Prieto, que falará do día a día e a lexislación sobre vivir nunha caravana, unha experiencia na que acumula xa cinco anos. Ás 19.00 horas haberá obradoiros para aprender a orientarse, sobre introdución a mapas e brúxula e ás 22.30 abrirá os concertos desta edición un DJ, que pinchará diferentes estilos musicais.
O sábado 6 retomarase a programación ás 9.00 horas, cunha carreira de orientación na que participarán máis dun centenar de persoas e ás 9.30 haberá unha sesión de ioga, abertas en ambos casos á participación xeral. Continuará o festival con dúas novas charlas viaxeiras, unha ás 10.30 con “Titin around the world”, sobre viaxar para aprender e comprender cunha experiencia por Irán e Kurdistán, e outra ás 11.15 sobre perigos e riscos en actividades do medio natural e técnicas de supervivencia.
Tamén pola mañá comezará a funcionar o mercado, ás 12.00 horas, e ás 12.30 haberá teatro musical para público familiar, coa compañía Teatro sobre rodas. A programación matinal rematará co concerto, ás 13.30, de Martins Aneiros Band. Na tarde do sábado ás 16.30 haberá unha nova representación de teatro musical con Teatro sobre rodas e de 17.00 a 20.00 poderase participar nun obradoiro para crear chapas do Gulliver Fest.
Ás 15.00 horas será a charla viaxeira de Roberto Sastre, “O Pekín Express canino”, que falará dunha viaxe de tres anos en Asia cos seus cans e ás 19.00 será a do xornalista Nicolás Castellano, sobre “A viaxe non desexada”. A continuación será o turno da música, cos concertos de Brassica Rapa, 20.00 e 22.30 horas, Missisipi Queen & The Wet Dogs, 21.00, e de Festicultores Troupe, 23.00.
Finalmente, o domingo 7 retomarase o ioga ás 9.30 horas e ás 10.30 comezará a charla viaxeira de Diana Santos, que falará dunha viaxe de Alaska a Panamá, para dar paso ás 11.15 á charla “Compass on the road, saltando fronteiras”. A programación matinal completarase con xogos populares a partir das 11.30 horas, teatro musical con Teatro sobre rodas ás 12.30, e unha competición de xogos populares ás 13.30. A música pechará a programación cos concertos de Tambores da Lagoa, 14.30 e 16.30 horas, Keepers 15.00 h e Broken Peach, 17.00h.
A maiores, haberá un espazo reservado para a Biblioteca Municipal, que estará operativo o sábado de 11.00 a 13.30 e dende as 16.00 ata as 20.00 horas, donde se informará sobre os servizos prestados e se amosará material vencellado ás viaxes. Así mesmo, levaranse a cabo propostas de dinamización, como una con libros que se esconderán en diferentes espazos do festival.