Inscrición aberta en Narón para realizar un curso de fontanería

O Concello de Narón convocou un curso de fontanería a través do Programa Municipal de Formación.

A edil responsable da área de Formación, Natalia Hermida, recordou que se ofertan un total de quince prazas e que aínda quedan vacantes. O curso diríxese a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón, que non teñan concedido outro curso do programa municipal de formación coincidente temporalmente na realización, entre outros requisitos.

As persoas interesadas en inscribirse poden facelo a través do Rexistro Xeral do Concello, da Sede Electrónica de Narón ou dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

A acción formativa consta dun total de 450 horas máis 15 de módulos adicionais e impartirase no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara e nas instalacións das empresas colaboradoras en prácticas. As sesións impartiranse do 1 de agosto ó 15 de decembro, en horario de mañá, de 9.00 a 14.00 de luns a venres e as prácticas en empresas serán cinco horas ó día no horario que se determine.

Prevención de riscos laborais, interpretación de planos, materiais, ferramentas, equipos de medida, instalacións tipo, dimensionado de instalacións, tubaxes e técnicas de mecanizado e unión, montaxe de aparatos sanitarios e billas, mantemento e reparación de avarías… forman parte dos contidos teóricos.

A maiores, o alumnado realizará 15 horas de módulos transversais de orientación, igualdade e emprendemento e 100 horas de prácticas profesionais non laborais en empresas do sector.

As prazas cubriranse por orde de inscrición e o listado provisional de admitidos, suplentes e excluídos publicarase na Sede Electrónica do Concello e o alumnado seleccionado será informado telefonicamente da súa admisión.

Para recibir máis información pódese consultar a páxina web do Concello, apartado de Formación, a Sede Electrónica, ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal no teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …