Ferreiro visita as obras de rehabilitación do antigo muíño de Xuvia, Narón

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, desprazouse este luns, día 18 de xullo, cos edís de Urbanismo e Obras, Manuel Ramos e Pablo Mauriz, respectivamente, ó muíño de Xuvia, que encara os últimos meses da súa rehabilitación.

A actuación está cofinanciada pola Deputación da Coruña e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020 e enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020″.

Ferreiro avanzou que a previsión é que a intervención en marcha estea rematada a finais do vindeiro mes de setembro e valorou positivamente o resultado dos traballos executados ata o momento na construción.

O proxecto do Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia, tal e como se denomina a actuación, suporá un desembolso de 1,25 millóns de euros, unha contía que, tal e como destacou a alcaldesa, “nos permitirá recuperar por completo, en canto á edificación, unha das construcións de maior valor histórico da nosa cidade e que forma dende hai décadas un conxunto industrial: os dous muíños de Lestache, unha construción anexa con dúas moendas máis e a vivenda da familia Lestache e o seu despacho. Operarios da empresa adxudicataria traballaban o citado luns nas diferentes estancias do edificio, ultimando as tarefas que porán fin a este importante proxecto«

A maiores, dende o goberno local tamén se licitaron os traballos de musealización das instalacións, orzamentados en 240.000 euros. Unha intervención que dará comezo o vindeiro mes de setembro e con previsión de que estea rematada en xaneiro do vindeiro ano, tal e como avanzou Ferreiro.

“A recuperación do noso patrimonio continúa sendo unha das prioridades do goberno local, dende onde consideramos que as obras proxectadas en construcións como a do muíño de Xuvia suporán unha excelente oportunidade para poñer en valor a edificación e facer que os veciños da cidade e tamén doutros concellos poidan achegarse ás instalacións e desfrutar delas”, recalcou a alcaldesa.

Ferreiro destacou que os traballos “representarán un feito histórico en Narón, despois de adquirir o muíño do século XVIII no ano 2009, nun proceso nada sinxelo iniciado no ano 1999 e que se alongou máis tempo do desexado”.

As obras contemplan o acondicionamento da recepción, do patio de distribución, do corredoiro da vivenda, do miradoiro, da sala introductoria, das salas Lestache, Polivalente, Muíños, Bucau e da Sala da Cultura Industrial. Ademais, con cargo á musealización poderanse ver no interior murais da factoría, mapas ilustrados, unha recreación de muíños de pedra, espazos informativos, vitrinas expositivas e outros elementos que reforzarán o valor dos traballos e o investimento a realizar na construción.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …