A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, asinou este xoves, día 7 de xullo, os convenios de colaboración co presidente do Club Tenis de Mesa Narón, Fernando Montero, e o da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero.
No transcurso do acto a rexedora local, que estivo acompañada polo edil de Deportes, José Oreona, felicitou ós representantes de ambos clubs locais polo traballo que realizan ó longo do ano e pola súa contribución á promoción do deporte na cidade.
O Concello destinará unha partida conxuntade 41.000 euros ós citados convenios. O acordo co Club Tenis de Mesa Narón permitirá á entidade utilizar as instalacións que emprega habitualmente no local social da Solaina, podendo solicitar outras á área de Deportes para determinados eventos, e potenciará a práctica do tenis de mesa dende as categorías base ata a senior. A entidade comprométese ademais a colaborar en eventos organizados polo Concello no ámbito deportivo.
Pola súa banda, a AD Náutico de Narón, con cargo ó acordo rubricado o citado xoves fomentará a práctica da natación, e triatlón, tamén dende as categorías base ata as senior, e da natación sincronizada dende pre-alevín ata junior, promocionando na cidade actividades vencelladas con estas tres especialidades, tal e como figura no documento.