Este domingo, andaina entre Pena Molexa e Monte da Lagoa, Narón

As persoas que desexen asistir á segunda andaina do programa municipal de Narón “Ponte en ruta con nós” poden anotarse dende este luns, día 23 de maio, ata o vindeiro mércores día 25, incluído, tal e como avanzou o concelleiro de Deportes, José Oreona.

O percorrido a realizar na convocatoria, que terá lugar este mesmo domingo, día 29 de maio, será entre Pena Molexa e o Monte da Lagoa. A saída será ás 9.15 horas do Centro Cívico Social do Val

Os camiñantes recorrerán un tramo duns doce quilómetros por Pena Molexa, Pena Lopesa, o Campo do Avial, o Casal e o Monte da Lagoa, para regresar de novo ó Centro Cívico Social do Val. O prezo para poder asistir e de 5 euros, debendo cubrir as instancias nas oficinas do pavillón polideportivo da Gándara (estrada da Gándara, 148), en horario de mañá, de 8.30 a 13.00 horas.

A terceira andaina programada este ano no programa municipal “Ponte en ruta con nós” será o vindeiro 26 de xuño, pola Ruta dos muíños. Os camiñantes sairán ás 9.30 horas do mosteiro do Couto para percorrer algo máis de dez quilómetros dende alí ata a área recreativa de Pedroso. Unha vez  no punto de remate da ruta serán trasladados en autobús ata o mosteiro do Couto. O prazo de inscrición para esta andaina permanecerá aberto os días 17, 20 e 21 de xuño.

O Padroado de Deportes de Narón retomou este ano o tradicional programa de andainas, que está limitado a un máximo de 150 persoas.

“Trátase dunha actividade pensada para promover o exercicio ó aire libre, dirixido a persoas de todas as idades, co fin de fomentar hábitos de vida saudables e ó mesmo tempo coñecer parte da riqueza natural da cidade”, explicou Oreona.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …