A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e a concelleira de Igualdade, Mar Gómez, presentaron este luns, día 23 de maio, os dous programas de conciliación impulsados dende o Consistorio e o Padroado para o verán. Ferreiro avanzou que as iniciativas Colonia Verán e Campamentos de Verán ofertan un total de 250 prazas para menores de 3 a 12 anos durante a tempada estival.
No que respecta a Colonia Verán, Ferreiro explicou que se desenvolverá dende o 27 de xuño ata o 2 de setembro, tratándose «dunha proposta educativa e, ó mesmo tempo, de ocio, para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral”.
Así mesmo, indicou que o prazo de inscrición nesta proposta, de balde e pensada para menores empadroados ou escolarizados en Narón cando traballen os dous membros parentais, abrirá este martes, día 24 de maio, podendo anotarse ata o 31 deste mes.
Colonia Verán levarase a cabo en cinco quendas semanais, de luns a venres, que se estableceron do 27 de xuño ó 8 de xullo; do 11 ó 22 de xullo; do 26 de xullo ó 5 de agosto; do 8 ó 19 de agosto e, a última, do 22 de agosto ao 2 de setembro.
As actividades programadas desenvolveranse de 9.00 a 14.00 horas no CEIP da Gándara, ofrecéndose ás familias servizo de madrugadores a partir das 8.00 e de acompañamento ata a recollida de 14.00 a 15.00 horas.
“Os participantes realizarán unha serie de actividades, adaptadas ás idades de cada grupo, encamiñadas a fomentar nos menores valores moi importantes como a tolerancia, o respecto, a diversidade, o coidado medioambiental e a cooperación, entre outros”, apuntou Ferreiro.
As solicitudes poderán presentarse dende mañá martes ás 8.30 horas ata o 31 de maio ás 13.30 horas a través da Sede Electrónica de Narón, do Rexistro municipal ou de calquera outro dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. A adxudicación das prazas realizarase por sorteo público.
As persoas interesadas en recibir máis información poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello, ou chamar ó número de teléfono 981 377 700 (extensións 1108, 1109 e 1115).
No caso dos Campamentos de Verán organizados dende o Padroado da Cultura, a alcaldesa recordou que se ofertan un total de 150 prazas, en tres quendas quincenais: do 4 de xullo ó 15 de xullo; do 18 ó 29 de xullo e do 1 ó 12 de agosto.
Neste caso formaranse grupos cun mínimo de sete persoas e un máximo de dez, de 3 a 5 anos, de 6 a 9 e de 10 a 12 anos. En horario de mañá, dende as 9.00 ata as 14.00 desenvolveranse varias actividades, de 8.00 a 9.00 horas haberá servizo de madrugadores, maioritariamente no Pazo e vencelladas á cultura tradicional, como instrumentos e baile, baile moderno de salón, proxeccións de cine e excursións pola zona.
O prazo de inscrición nos Campamentos de Verán abrirá dende o 6 ata o 29 de xuño, nas oficinas do Pazo da Cultura, de luns a venres entre as 9.30 e as 13.30 horas. Estes campamentos teñen un custe de 31,60 euros por dúas semanas que se corresponde coa taxa fixada na ordenanza fiscal vixente no Padroado da Cultura.