O CDG abre estadía en Cedeira cunha función para o IES Punta Candieira

Cunha función para alumnado do IES Punta Candieira, o Centro Dramático Galego inaugurou este xoves, día 19 de maio, a súa estadía de catro días na vila de Cedeira. Este venres, día 20 de maio, sábado 21 e o domingo 22, ofrecerá tres funcións máis, dirixidas ó público xeral, da súa nova produción

“Ás oito da tarde, cando morren as nais”, coa que a compañía pública pon en marcha a experiencia piloto de xirar cunha obra de gran formato por localidades pequenas, catro en Galicia e dúas en Portugal, e permanecer nelas durante varios días. A iniciativa, tal e como explicou estes días o director do CDG, Fran Núñez, quere entre outras cousas impulsar o turismo cultural a estas localidades.

Rapaces de cuarto curso da ESO e primeiro de Bacharelato foron o público desta primeira función do CDG no Auditorio Municipal de Cedeira. O venres e sábado, a representación será no mesmo lugar ás 21.00h, e o domingo, ás 19.00h.

“Ás oito da tarde, cando morren as nais” dá vida a un texto de AveLina Pérez que recibiu o premio Álvaro Cunqueiro en 2018 e conta, ademais, co aval de María Pazos na dirección. CamilaBossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado forman o elenco da obra, que dura 75 minutos e está recomendada para maiores de 12 anos. A peza é un xogo sobre a relación entre o teatro e o público cheo de humor, ironía e crítica sociolóxica.

O Centro Dramático Galego fai un esforzo pola accesibilidade en todos os sentidos. As funcións contan con subtítulos, intérprete de lingua de signos e audiodescricións para que poidan seguila as persoas con discapacidades auditivas ou visuais. Ademais, as estradas están á venda na web de ataquilla.com https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/ a prezos populares, 4€, con descontos do 50% para maiores de 65 anos, estudantes, desempregados, familias numerosas e outros colectivos.

Para facilitar a afluencia do público desde diferentes puntos da comarca, o Concello de Cedeira vai fletar buses gratuítos, ós que as persoas con entrada poderán apuntarse cada día de representación, antes das doce do mediodía, enviando un Whatsapp e indicando o nome das persoas, data e parada que van empregar. Os puntos de saída serán os seguintes:

VENRES, día 20

Ferrol: (Plaza de Galicia – Correos) 19:40 horas.
San Sadurniño: (Concello) 20:00 horas.
Moeche: (AC862 – Restaurante Delfino) 20:10 horas.
Cerdido: (Concello) 20:20 horas.
Volta desde Cedeira ás 00.00h.

SÁBADO, día 21

Ferrol: (Plaza de Galicia – Correos) 19:50 horas.
Narón: (Concello P.Bus Ctra.Castilla) 20:00 horas.
Valdoviño: (Puerta del Sol – Ferreteria Josvy) 20:20 horas.
Volta desde Cedeira ás 00.00h.

DOMINGO, día 22

Ferrol: (Plaza de Galicia – Correos) 17:50 horas.
Narón: (Concello P.Bus Ctra.Castilla) 18:00 horas.
Valdoviño: (Puerta del Sol – Ferreteria Josvy) 18:20 horas.
Volta desde Cedeira ás 22.00h.

Xunto con estes autobuses que pon o Concello de Cedeira, o propio programa de mobilidade do Centro Dramático Galego facilita a posta a disposición do público doutros autobuses desde Ares, As Pontes e As Somozas.

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …