Celebración das Letras Galegas en San Sadurniño

A celebración das Letras Galegas en San Sadurniño está posta para a tarde deste domingo 15 de maio a partir das 18:00h na praza do antigo Concello ou na Casa da Cultura se chovese, cun acto no que participarán as escolas municipais de música tradicional, Bucanero Teatro e tamén varias persoas que lerán algúns dos poemas de Florencio Delgado Gurriarán, o homenaxeado deste ano.

Porén, no programa acaban de entrar dúas propostas máis. Unha delas será a presentación por parte de Melania Freire da súa exposición «Inventario», que poderá visitarse desde luns na Casa do Concello. A outra novidade do acto central do 17 de Maio é a presentación do XXVII Festival do Río Castro que vai ter lugar, tras dous anos interrompido, o sábado 2 de xullo no lugar da Bóla, en Naraío.

A fotógrafa e deseñadora de moda luguesa Melania Freire leva varios anos poñendo en valor as prendas tradicionais vinculándoas coa historia das mulleres que algunha vez as levaron postas. Cultura e sentimento persoal danse a man nunha exposición de imaxes na que non só se representa roupa, senón tamén obxectos cotiáns que gardan un significado especial.

Neste sentido, “Inventario” é un arquivo visual en constante crecemento que clasifica e actualiza elementos culturais comúns, panos, cobertores, mantas, cestos, etc., recreando así “anacos da memoria”, segundo dí a artista, “no límite entre as diferentes culturas que cohabitan en nós”

A mostra tomará o relevo da exposición sobre a bandeira galega instalándose na tarde do domingo na galería da casa consistorial e, de feito, a propia Freire participará no evento das Letras Galegas que comezará ás 18:00h na praza do antigo Concello facendo unha pequena introdución tanto á mostra como ás actividades que leva asociadas.

«Inventario» poderá visitarse a partir do luns 16 nos horarios de atención ó público nas dependencias municipais, de luns a venres, agás festivos, das 8:30 ás 14:30h.

Presentación do Festival do Río Castro

Ademais da presentación da exposición de Melania Freire, a Concellaría de Cultura tamén lle propuxo á asociación veciñal O Castelo de Narahío aproveitar a cita para avanzar a programación do XXVII Festival do Río Castro, que volve tras dous anos de parón.

O festival terá lugar na Bóla, á beira do río, o día 2 de xullo, respectando a súa data de celebración que cae sempre no primeiro sábado de xullo.

Desde a entidade informan que o contido completo do festival se dará a coñecer este domingo, aínda que tamén confirman que a súa estrutura se manterá invariable con respecto a edicións anteriores e que incluso se recuperará boa parte do programa de actuacións confirmadas para a edición de 2020 que finalmente non puido celebrarse.

Lea también

Con enorme afluencia de visitantes Mugardos celebró la «XXXIII Fiesta del Pulpo»

La Real Villa de Mugardos celebró un año más, y ya van treinta y tres, …