O Concello de Narón avanza nas obras de accesibilidade na zona do Alto do Castiñeiro, cunha intervención que neste caso permitirá regular a aliñación na estrada de Castela, concretamente á altura dos números 278-286.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, explicou que se trata dunha actuación realizada tras chegar a un acordo cos titulares da parcela afectada e enmarcada no plan de investimentos do actual exercicio. “A proximidade ó centro de saúde urxía esta intervención, que se acomete nun treito duns trinta metros de beirarrúa na marxe dereita da calzada, donde se estreitecía a beirarrúa dificultando o tránsito peonil pola zona”, indicou.
A rexedora local apuntou que a materialización dos traballos permitirá que a beirarrúa pase de 2,80 a 6 metros de ancho e incidiu na importancia de acometelos pola proximidade tanto do centro de saúde, o que incrementa o tránsito peonil pola zona, como dunha parada de autobús. Ó tempo que se amplía o ancho da beirarrúa tamén se procederá a pechar o acceso á parcela afectada, restablecéndoo de igual xeito ó que se atopaba con anterioridade.
A maiores, explicou, tamén se inclúe a nova canalización para soterrado da liña eléctrica dende a esquina do edificio ata o poste de acometida do vial do centro de saúde, a reforma e posta a cota das tapas, recolocación de sinais de tráfico e puntos de alumeado, entre outras intervencións contempladas no proxecto.
O Concello destinou un investimento duns 30.000 euros a esta intervención, que se prevé que estea rematada nas vindeiras semanas.