O Concello de Narón convoca a través do Programa Municipal de Envellecemento Activo os obradoiros “Conéctate á rede”, dirixidos a persoas maiores de Narón e coa finalidade de que aprendan a manexar as diferentes funcións dos teléfonos móbiles.
A concelleira de Benestar Social, Catalina García, indicou que “se celebrarán tanto na zona urbana como na rural, e non terán custe algún para as persoas que queiran inscribirse”
Nas sesións, que terán unha duración de dúas horas ó día, ata completar o total das 20 de cada obradoiro, abordaranse temas como o xeito de utilizar os smartphones, como son, iconas da pantalla, gardar números na axenda, realizar fotos e vídeos, acceder a internet e configurar o correo electrónico, descargar e instalar aplicacións, aplicacións recomendadas para persoas maiores…
“Queremos a través desta iniciativa que as persoas maiores poidan sacar o máximo rendemento aos seus teléfonos móbiles, rompendo o illamento tecnolóxico no que ás veces se atopan algunhas persoas debido ós grandes e rápidos avances no mundo das novas tecnoloxías”, asegurou García.
Os obradoiros iniciaranse este mesmo mes e rematarán en novembro deste ano, tal e como apuntou a edil, que indicou que se celebrará un en cada barrio da cidade, en centros cívicos sociais ou locais sociais. O máximo de prazas que se ofertan é de doce por obradoiro, debendo as persoas interesadas en realizalos presentar as solicitudes nos centros cívicos sociais da cidade ata completar as prazas ofertadas.
Para máis información pódense dirixir ás asociacións de maiores e ás veciñais dos barrios de Narón, segundo apuntou a concelleira