A celebración do 17 de maio, Día das Letras Galegas, estenderase toda a semana na contorna municipal de Ares.
A concellaría de Cultura vén de presentar recentemente a programación que promoverá nas xornadas do 18, 19, 21, 22 e 23 deste mes, co foco posto no galego e na divulgación da figura de Florencio Delgado Gurriarán. Con todo, haberá actividades tanto para os máis pequenos como para os máis adultos.
Esta semana das Letras Galegas comezará o mércores, 18, co obradoiro musical para nenos a partir de 5 anos e as súas familias. Unha programación que explora o tránsito de Florencio Delgado Gurriarán de Valdeorras a México e que se producirá ás 18:00 horas
Continuará a oferta cultural na xornada do xoves, 19, co contacontos e a sinatura de libros realizado por Ana Meilán; unha boa oportunidade para que as crianzas poidan divertirse a través da narración oral, tamén a media tarde (18:00 h.).
O grupo “A Tajea” será quen poña aínda máis musicalidade, xa entrados na fin de semana. O sábado, 21 de maio, ás 19:30 horas, a veciñanza poderá sumarse ó concerto promovido pola área de Cultura. Estas tres actividades levaranse a cabo nas instalacións da Alianza Aresana, xa sen necesidade de reserva previa.
A semana da lingua completarase con dúas iniciativas que se sumarán ás anteriormente nomeadas: haberá a posibilidade de desfrutar dunha obra teatral e tamén de achegar a escritura creativa á mocidade do municipio.
O domingo, 22 de maio, Ares volverá a repetir no programa de Mobilidade do Centro Dramático Galego (CDG) para ver a produción “Ás oito da tarde, cando morren as nais”, dirixida por Marta Pazos, unha comedia sobre a relación entre quen está na escena e o público; un xogo metateatral no que a audiencia é o centro do espectáculo.
Como na anterior viaxe, habilitarase un autobús que sairá ás 16:00 horas da Porta do Sol de Ares e voltará aproximadamente ás 20:45 h. A concellaría de Cultura asigna 50 prazas que deberán reservarse na biblioteca municipal, contactando co 981 448 057. O custe total da actividade é de 6 euros, con desprazamento e entrada.
Por último, como remate da programación da semana das Letras Galegas, o luns, 23 ás 18:30 h., será o acto de entrega de premios do II Concurso de Microrrelatos organizado entre o CPI As Mirandas e o Concello de Ares, unha iniciativa que xa está desenvolvéndose no municipio e que se destina á mocidade da ESO e Primaria do centro educativo aresán