A corporación local de Narón aprobou este venres, dia 1 de abril, por unanimidade de xeito provisional a ordenanza fiscal reguladora da taxa por recollida de refugallos sólidos urbanos.
A finalidade dos cambios realizados é que dende o momento no que a administración autonómica estableza unha bonificación na contía do canon unitario de tratamento por tonelada de residuos domésticos, a través de Sogama, o Concello poida acollerse a esta medida, bonificando o importe equivalente a esa bonificación de xeito proporcional, da cota tributaria correspondente.
Así consta no documento aprobado que defendeu o edil de Xestión Orzamentaria, Román Romero, que avanzou que a redución se realizará sobre os recibos individuais de padrón, previsiblemente, no terceiro ou último trimestre do exercicio.
As bonificacións aplicaranse a inmobles desocupados ou non utilizados, para a recollida de refugallos nas rúas en que se faga en días alternos ou a diario, nos polígonos industriais e solo urbano industrial e polo tratamento de residuos sólidos urbanos para grandes áreas de distribución e almacenaxe de máis de 10.000 metros cadrados.
Aprobouse tamén por unanimidade a adhesión do Concello en calidade de socio á Rede Cidades que Camiñan tras aprobarse no pleno os estatutos da citada entidade. Con esta adhesión aboarase unha contía de 600 euros mensuais e a través da Rede fomentarase a mobilidade peonil aplicada en diferentes ámbitos: medio ambiente, accesibilidade universal, voluntariado e redes sociais, promoción cultural.
Para acadar este fin realizaranse estudos, programas e proxectos, labores de difusión e divulgación, estableceranse colaboracións con iniciativas de entidades sociais e administracións públicas, etc. Na sesión aprobouse tamén nomear como representante do sindicato UGT no Consello Sectorial de Igualdade a Paula Cristina Alves da Silva.
Así mesmo, no transcurso do pleno saíu adiante unha declaración institucional condenando a agresión de Rusia a Ucraína e a total solidariedade co pobo ucraíno. A maiores, tamén se solicita un inmediato alto ao fogo e a retirada das tropas rusas do seu territorio, o retorno á vía diplomática para resolver as diferencias e o respecto ao dereito internacional, aos dereitos humanos e ós Acordos de Minsk, e traballar pola resolución do conflito no marco da ONU e da OSCE.
No apartado de mocións o BNG presentou unha sobre a solución para as vivendas de Piñeiros afectadas por alugueiros da Sareb. Dende o goberno local criticáronse as políticas do Instituto Galego de Vivenda e Solo e tamén se incidiu, tal e como fixo a alcaldesa, Marián Ferreiro, no feito de que as competencias en materia de vivenda son da Xunta de Galicia, que asegurou que o Concello continuará mediando na medida das súas posibilidades para solventar esta situación.
A maiores, o BNG presentou outra sobre as actuacións que deben impulsar os gobernos galego e central para mitigar o impacto do medre disparado da inflación na sociedade e economía galega, que tampouco se aprobou.
Pola súa banda, o PP presentou unha moción sobre a cobertura de prazas en Atención Primaria e outra para paliar o impacto económico da invasión a Ucraína, que non saíron adiante, ó igual que a presentada polo PSOE sobre o plan urxente de medidas económicas e sociais de Galicia ante a crise derivada pola invasión de Ucraína.