O Bloque Nacionalista Galego pedirá no próximo Pleno municipal de Ferrol o apoio para esixir unha actuación urxente do Goberno español e da Xunta de Galicia contra a escalada da inflación, para o que presentan unha moción que contén un decálogo de medidas concretas para protexer a cidadanía e o emprego da «suba disparada dos prezos fronte a inacción demostrada por ambos gobernos«. Así mesmo pedirán que o Concello de Ferrol busque alternativas para aforrar no recibo eléctrico contratando directamente a enerxía que consume sen intermediarios.
O portavoz municipal do BNG, Iván Rivas indicou que a formación pretende chamar a atención «diante da situación creada produto dunha escalada de prezos, que se pretende xustificar en base a guerra que se esta a desenvolver en Ucraína, pero que ten unha orixe anterior e a levamos sufrindo desde hai moito tempo». O actual contexto de subida de prezos «non vai acompañado dunha suba dos salarios e isto xera situacións cada vez máis precarias na sociedade galega, é por iso que desenvolvemos unha campaña cun decálogo de propostas que pretenden paliar este contexto que se esta a vivir no momento actual e tomar medidas de fondo que palien esta problemática.»
Indicou que considera «oportuno que por parte da administración local adoptasemos, tamén, decisións que foran en beneficio dos veciños e veciñas«. Lembrou que o contrato de subministro de enerxía eléctrica do Concello de Ferrol está caducado, finalizou no ano 2020, «e se trata dun contrato que supón máis de 2 millóns de euros ao ano«. Así mesmo este gasto «está a ter un incremento deses custes polo prezo ao que está hoxe en día a enerxía e polo feito de ter un intermediario que é o que merca a enerxia no mercado eléctrico.»
Ese contrato, que a día de hoxe non existe, «foi produto dunha licitación do ano 2018«. Iván Rivas salientou que a alternativa a ese contrato «pasa por mercar de maneira directa no mercado maiorista a enerxía por parte da administración local, igual que fan outras cidades no Estado«. Isto implicaría vantaxes «como que se suprimen os custos derivados dos beneficios da comercializadora, que rondan sobre o 20%, que se xeraría emprego, pois habería que contratar ao personal encargado de mercar esa enerxía en función doutra das vantaxes que é a definición dos consumos que precisaría o Concello de Ferrol.» A implementación desta medida «é un proceso que non debemos deixar escapar e menos nun contexto actual no que carecemos de contrato, os prezos da enerxía están disparados e no que as administracións deben traballar para reducir os custos que despois repercuten nos veciños e veciñas.«
Na moción recóllense outro tipo de medidas como demandar unha fiscalidade máis xusta e unha intervención pública para frear a escalada da inflación. Entre elas, destaca a solicitude de controlar os prezos da enerxía, unha baixada do IVE dos produtos e servizos básicos, o aumento das pensións e dos salarios máis baixos, a redución das peaxes e dos impostos de hidrocarburos, a protección dos sectores agro-gandeiro e marítimo-pesqueiro, a intervención no mercado da vivenda para facilitar o acceso social, a revisión á alza das bolsas para estudantes e o incremento das axudas sociais como o Ingreso Mínimo Vital e tamén das partidas contra violencia machista e para familias monoparentais.
Todas estas propostas forman parte da campaña nacional que o BNG está a desenvolver en todo o páis contra a destrución das condicións da vida. «Unha ofensiva institucional e social» á que se sumará unha manifestación en Santiago de Compostela este domingo 3 de abril, ás 12 horas na Praza Oito de marzo.