O BNG reúnese con representantes do Comité de empresa de MEGASA, en Narón

Geno Carballeira, concelleiro do BNG en Narón, Marta Grandal, responsábel local do BNG de Narón, o deputado no Parlamento Galego Mon Fernández, e o deputado no Congreso Nestor Rego mantiveron unha reunión con representantes do Comité de Megasa.

Durante a reunión os representantes do Comité explicaron cal é a situación da fábrica a día de hoxe e as medidas acordadas coa dirección da empresa dirixidas a paralizar a actividade de fundición até fin de mes por causa do prezo da electricidade.

Os deputados do BNG explicaron as diferentes propostas do BNG para corrixir o prezo da electricidade que, segundo Néstor Rego «urxen a necesidade de tomar medidas inmediatas como a desvincular os prezos internacionais do gas do prezo da electricidade, mais tamén na necesidade de actuar no sector con máis profundidade,  modificando o sistema de fixación de prezos coñecido como pool que traslada o prezo da tecnoloxía máis cara a toda a electricidade contratada, auténtica e última causa da actual suba desorbitada de prezos».

No mesmo sentido coincidiron en que contar con unha empresa pública de enerxía sería tamén unha boa ferramenta para actuar sobre o mercado e a fixación de prezos, tal como está a facer por exemplo o estado francés a través da empresa pública EDF.

Mon Fernández insistíu na necesidade de  «creación dunha empresa pública galega é unha das principais reivindicacións do BNG, que propón a súa creación a partir da recuperación das concesións hidroeléctricas que vaian vencendo, lembrando que o recurso enerxético en cuestión, é dicir, a auga do río, é un ben de dominio público, que os custos de produción desta enerxía son dos máis baratos, e que actualmente a potencia hidroeléctrica instalada nos ríos galegos é maior do que sumaban as térmicas das Pontes e Meirama xuntas, e que polo tanto, contar con unha fonte de xeración eléctrica tan barata e abundante en mans dunha empresa pública titularidade da Xunta de Galiza sería unha medida que podería axudar a ofrecer prezos eléctricos competitivos tanto a grandes consumidores eléctricos de carácter industrial, ou a consumidores vulnerábeis»

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …