A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidirá este martes, día 8 de marzo, os actos oficiais programados polo Concello para conmemorar o Día Internacional da Muller. Ás 12.00 horas terá lugar no Consistorio o nomeamento da Muller do Ano de Narón, na que se distinguirá a unha muller cuxo nome se dará a coñecer no propio acto.
Representantes da corporación local, entre eles a edil de Igualdade, Mar Gómez, acudirán á convocatoria e tamén se desprazarán a continuación, sobre as 12.30 horas á praza da Gándara para ver a exposición “Mulleres de Narón”, que se poderá ver ó longo deste mes noutros puntos da cidade.
Os actos contemplan unha proposta na praza da Igualdade, a escasos metros da Gándara, donde a comitiva municipal verá o resultado do mural “Narón x Igual”, que realizaron escolares de sexto de Primaria do CPR Santiago Apóstol. Pola tarde-noite iluminaranse de cor malva a Casa da Cultura, o Pazo da Cultura, a glorieta de Freixeiro e o edificio do Xulgado de Paz.
A maiores, o Concello programou propostas noutras instalacións municipais. Na biblioteca municipal pódese ver ata o día 16 deste mes a mostra “A muller no século XXI”, que contén varios libros e materiais que abordan a situación da muller neste século.
Este sábado día 12 de marzo, terá lugar o contacontos infantil “Contos vellos, novos finais” a cargo de Caxoto Contacontos ás 11.00 horas, que versiona o argumento e os finais de contos clásicos e tradicionais para adaptalos ó xeito actual de pensar e vivir e do 17 ó 24 deste mes poderase ver na planta baixa da sección de adultos a exposición de películas de temática feminista “Sesión M: Cine con M de Muller”.
Dende este luns, día 7 de marzo e ata o este venres, día 11 na ludoteca municipal da Solaina haberá obradoiros, contacontos, xogos educativos e unha sesión de ludo-cinema dirixidos a menores de 3 a 12 anos, que traballarán a temática da igualdade, o respecto e a liberdade. Esa mesma temática centrará os xogos de mesa pola igualdade, “Iguais” e “O misterio dos xogos invisibles” cos que traballarán na Axencia de Lectura Municipal da Gándara, con menores a partir de 4 anos, este mércores 9 de 17.30 a 18.30 e a partir de 7 anos e o xoves 10, tamén de 17.30 a 18.30 horas
No Pazo da Cultura, este venres poderase ver o monólogo “Música para fiambrería-Un policial verde” ás 20.30 horas, de Lucía Trentiny (Uruguay) e tamén se programaron, enmarcados na área de Igualdade, os monólogos “La ciudad de las damas”, o día 19 ás 20.00 horas; o 25, “Guerra de identidade” ás 20.30 e o 26 deste mes ás 20.00 “Bravas”
As actividades do 8M chegan un ano máis ós centros de ensino, concretamente nesta ocasión a alumnado de cuarto de Primaria de oito colexios da cidade, que participa nos obradoiros “8M Avanzando en igualdade”. A finalidade desta convocatorias é a de dar a coñecer a historia e os fitos en torno a esa data, educar na igualdade e visibilizar o papel das mulleres ó longo da historia.