Amplo programa para conmemorar o Día Internacional da Muller, Narón

O Concello de Narón conmemora ó longo deste mes con varios actos o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Así o anunciou a alcaldesa, Marián Ferreiro, acompañada polas edís de Igualdade, Mar Gómez, e Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, animando á cidadanía a participar nas diferentes propostas.

A primeira das citas, tal e como recordou Ferreiro, terá lugar este mesmo domingo, coa celebración da “I Carreira pola Igualdade Concello de Narón”, na que están inscritas preto de 400 persoas, o prazo para anotarse remata na noite desde xoves, día 3 de marzo, ás 23.59 horas.

Os actos centrais do 8-M terán lugar o vindeiro martes, día 8 de marzo, cando se homenaxeará no Concello á Muller do Ano de Narón. Unha tradicional cita na que se distinguirá a unha muller cuxo nome se fará público ese mesmo día, e na que se destacarán o seu labor e a súa traxectoria.

O acto, que presidirá a alcaldesa, terá lugar ás 12.00 horas. Ese mesmo día, a continuación ás 12.30 h representantes da corporación local coa rexedora municipal á fronte desprazaranse á praza da Gándara para visitar a exposición “Mulleres de Narón” que terá carácter itinerante durante todo este mes. Tamén visitarán na Praza da Igualdade, a escasos metros da da Gándara, o mural “Narón x Igual”, que realizaron escolares de sexto de Primaria do CPR Santiago Apóstol.

Finalmente, na tarde-noite do día 8 iluminaranse de cor malva a Casa da Cultura, o Pazo da Cultura, a glorieta de Freixeiro e o edificio do Xulgado de Paz.

A programación deseñada dende o Concello inclúe ademais unha mostra que se pode ver na Biblioteca municipal ata o 16 deste mes, titulada “A muller no século XXI”, con libros e outros materiais que abordan a situación da muller no século XXI.

Nas citadas instalacións o día 12 deste mes poderase ver o contacontos infantil “Contos vellos, novos finais” de Caxoto Contacontos ás 11.00 horas, que versiona o argumento e os finais de contos clásicos e tradicionais para adaptalos ó xeito actual de pensar e vivir. Tamén haberá, do 17 ó 24 deste mes, a exposición de películas de temática feminista “Sesión M: Cine con M de Muller” que se poderá ver na planta baixa da sección de adultos

Na ludoteca municipal tamén se levarán a cabo a vindeira semana, do 7 ó 11, obradoiros, contacontos, xogos educativos e haberá unha sesión de ludo, cinema na que os menores que acoden a estas instalacións, para nenos de 3 a 12 anos, poidan traballar en diferentes áreas sobre a temática da igualdade, o respecto e a liberdade.

Esa mesma temática centrará os xogos de mesa pola igualdade cos que traballarán na Axencia de Lectura Municipal da Gándara, con menores a partir de 4 anos, o próximo mércores día 9 de marzo, de 17.30 a 18.30, e a partir de 7 anos o prçoximo xoves, día 10 de marzo, tamén de 17.30 a 18.30 horas. “Iguais” e “O misterio dos xogos invisibles” son, respectivamente, os títulos destes xogos, podendo reservar praza dende esta tarde ás 16.00 horas de xeito presencial na Biblioteca do Alto ou chamando ó número de teléfono 981 382 173.

Na área cultural, este venrres, día 4 de marzo abrirá no Pazo da Cultura a programación da sétima edición do Festival internacional do monólogo teatral «Singular», que abrirá Magüi Mira, coa obra Molly Bloom ás 20.30 horas sobre os principios femininos. Tamén se inclúen no programa do 8M os espectáculos deste festival programados para os días 11, “Música para fiambrería-Un policial verde” ás 20.30 horas, sábado 19 “La ciudad de las damas” ás 20.00; o vernes 25 “Guerra de identidade” ás 20.30 e o sábado 26 deste mes ás 20.00 “Bravas” protagonizados por mulleres e que visibilizan a igualdade.

A maiores, alumnado de cuarto de Primaria de oito centros de ensino da cidade participa nos obradoiros “8M Avanzando en igualdade”, que se imparten este mes co obxectivo de dar a coñecer a historia, os fitos en torno a esa data e educar na igualdade, ó tempo que sensibilizar e visibilizar o papel das mulleres ó longo da historia.

A alcaldesa destacou a importancia “de conmemorar esta data, organizando actividades que cheguen a toda a cidadanía e que poidan ter continuidade o resto do ano co fin de seguir avanzando na procura da tan necesaria igualdade real entre homes e mulleres”.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …