Presentación da actividade formativa “Aprendendo a compartir a vía pública” en Narón

 

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e Pablo Pérez, presidente da Asociación Galega de Autoescuelas da provincia da Coruña (pertencente á Fundación CNAE), presentaron este xoves, día 3 de febreiro,  no Concello a actividade formativa “Aprendendo a compartir a vía pública” no ámbito da Educación e a Seguridade Viaria.

Na presentación estiveron acompañados polos membros do Equipo de Educación Vial do Concello, Pedro Caneiro e Sonia López.

Esta actividade formativa lévase a cabo no marco do convenio que o Concello de Narón asina anualmente coa Fundación Confederación Nacional de Autoescolas de España (CNAE) en materia de Seguridade e Educación Viaria.

Unha formadora viaria da CNAE, Iria Álvarez, impartirá clases en nove centros de ensino de Narón, Ponte de Xuvia, Ayala, CRA de Narón, Virxe do Mar, A Solaina, A Gándara, Piñeiros, Santiago Apóstol e Jorge Juan. Participarán uns 260 alumnos e alumnas de terceiro curso de educación Primaria dos citados centros. As clases impartiranse nos meses de febreiro e marzo e iniciaranse o vindeiro luns, día 7 de febreiro, no colexio Ponte de Xuvia, ás 9.10 horas, e serán de aproximadamente unha hora de duración.

Dous son os obxectivos principais desta actividade: educar ó alumnado ó que se dirixen as clases no correcto uso das vías como peatóns, ciclistas e usuarios de patinetes e, así mesmo, achegar o traballo das autoescolas ós colexios.

A rexedora local, Marián Ferreiro, agradeceu o labor desenvolvido desde a CNAE e reiterou a disposición do Concello para seguir axuntando esforzos para levar a cabo estas accións formativas, de concienciación e sensibilización no ámbito da seguridade e a educación viaria para concienciar á sociedade de que entre todos e todas podemos reducir o número de accidentes na vía pública.

Pablo Pérez, agradeceu ó Concello a oportunidade de colaborar neste proxecto baseado na necesidade da introducción e desenvolvemento da Educación Vial desde a base, porque é imprescindible a concienciación da cidadanía neses valores desde idades temperás, para formar persoas adultas concienciadas para o futuro na seguridade viaria e a convivencia na vía pública.

Neste eido cabe destacar a participación de formadores viales para impartir as clases sobre dita materia no Concello de Narón e colaborar con proxectos desenvolvidos sobre Educación Viaria e Mobilidade Vial no municipio.

Nesa líña seguen a traballar tamén a nivel da Unión Europea para acadar no futuro que non se produzan mortes nin accidentes graves nas estradas, polo que reiteran ó Concello a súa colaboración neste importante ámbito da Seguridade Vial.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …