Reunión da Xunta Local de Seguridade no Concello de Narón

A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu este martes, día 1 de febreiro, no Concello de Narón xunto coa subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, a reunión da Xunta Local de Seguridade.

A convocatoria deu comezo ás 11.30 horas e na mesma estiveron tamén presentes a vicesecretaria xeral da delegación do Goberno na Coruña, Eva Vázquez, o comisario xefe da Comisaría de Ferrol-Narón, Javier María de Loresecha; o inspector xefe da Comisaría de Ferrol-Narón, José Ramón Santiago; a xefa do Servizo Contra a Violencia sobre a Muller, María Isabel Álvarez; e en representación do Concello, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero; o edil do PSOE Santiago Galego; e os voceiros do PP, Germán Castrillón, e do BNG, Olaia Ledo; o xefe da Policía Local de Narón, Eduardo Pita; e o secretario do Concello, Alfonso de Prado.

Un dos temas que a alcaldesa trasladou no transcurso da xuntanza foi a necesidade de reforzar a presencia policial nas zonas de A Gándara e Xuvia tralos últimos incidentes que tiveron lugar neses barrios.

Ferreiro reuniuse o luns día 31 de xaneiro, pola tarde cunha representación veciñal de Xuvia, á que trasladou que tanto na xuntanza mantida onte co novo comisario xefe da Comisaría de Ferrol-Narón, José María de Loresecha, como na deste martes 1 de febreiro coa subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, se solicitaba o reforzo do control policial.

Así mesmo, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, acordaron impulsar a coordinación entre a Policía Local e a Policía Nacional para avanzar na seguridade de Narón. O entendemento foi froito da boa sintonía mostrada durante a xunta local de seguridade do Concello.

En canto ós datos concretos de Narón, dende a subdelegación do Goberno na Coruña indicouse que mostran unha cifras similares ás do ano 2019, xusto antes do inicio da pandemia. O obxectivo agora é unha redución deses datos. Tanto a subdelegada do Goberno como a alcaldesa buscan baixar a taxa de criminalidade, para o que impulsarán a cooperación entre administracións. O único aumento destacado é o vinculado á cibercriminalidade, da mesma maneira que sucede no resto de concellos do Estado, polo que as Forzas de Seguridade farán un esforzo especial neste ámbito.

María Rivas e Marián Ferreiro acordaron tamén constituír a Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, emprazándose para nova reunión para abordar esta iniciativa. Trátase dun organismo que busca abordar a situación do Concello, con 64 casos activos no sistema de protección ás vítimas de violencia de xénero. A meta é a máxima protección acompañada por prevención e un tratamento integral dos casos.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …