O BNG de Ferrol lanza unha campaña animando a mercar no comercio local

Iván Rivas no inicio da campaña para potenciar o comercio local | BNG

O portavoz do BNG en Ferrol, Iván Rivas, presentou esta mañá en Ferrol a campaña baixo o lema “Mellor local, mellor galego; aposta polo noso”, coa que o BNG quer facer unha chamada a consumir no comercio de proximidade nestas datas de grandes compras.

O portavoz nacionalista, lembrou que máis alá da iniciativa individual de mercar no comercio local, o sector comercial na nosa cidade «leva moitos anos precisando que se tomen iniciativas, desde a administración local, que posibiliten o seu desenvolvemento. Unha situación a crise da covid non fixo máis que agravar.«

Ivan Rivas sinalou que os cascos históricos da cidade, tanto o bairro da Madalena como o de Ferrol Vello «son sen dúbida un claro exemplo no que se pode apreciar a realidade pola que está atravesar o comercio da cidade.» Destacou a elevada porcentaxe de baixos baleiros, «sendo as causas que provocan esta situación varias e transversais«.

Compre apostar por «acometer a peonalización do casco histórico, frear a posibilidade de implantación na cidade de máis grandes superficies comerciais, como a que continua prevista no Sánchez Aguilera, xunto con outras medidas como a posta en marcha dunha bolsa de baixos baleiros xestionada polo Concello«, afirmou.

Así mesmo, Ivan Rivas, puxo como tarefa «ineludíbel» a posta en valor dos mercados municipais e a necesidade de executar o acordo, alcanzado co BNG, para a rehabilitación do mercado de Recimil, «unha das necesidades básicas que ten este barrio e que contribuirá ao desenvolvemento social, económico e mesmo residencial desta zona da cidade«. Para Iván Rivas este é un proxecto «inaprazábel» e destaca que a rehabilitación deste mercado «posibilitará que se convirta nun dos principais focos de dinamización económica e social desta zona da cidade«.

Esta campaña de apoio ao comercio local do BNG, está a ser desenvolvida por todo o país, vai acompañada de propostas concretas, entre as que destaca «a necesidade dunha maior implicación da Xunta e do Concello«. «É preciso poñer en marcha unha nova Lei do comercio local para regular horarios ou tempadas de rebaixas porque a lexislación do Partido Popular está feita á medida dos grandes«. O BNG quere unha lei que «defenda o pequeno e mediano comercio galego e resulta necesaria para crear emprego e riqueza e sobre todo unha rede de distribución dos produtos galegos.«

Lea también

Manuel Marcos González, primer vecino de Ferrol en recibir la ayuda del nuevo programa «Fogar Vivo» de la Xunta

La Xunta concede en Ferrol la primera ayuda a un propietario para recuperar su vivienda …