A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro e a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, presentaron esta mañá con María Yáñez, presidenta da Asociación de Comerciantes de Narón (ACN), a campaña “Narón gaña co galego”, impulsada pola Concellería de Ensino, a través do Servizo de Normalización Lingüística e dirixida ó comercio local.
O Concello de Narón facilitará ós establecementos comerciais, socios e non socios da ACN, material divulgativo para promocionar o uso do galego no comercio local, apostando por impulsar a venda dos seus produtos e tamén darlles visibilidade a aqueles establecementos que empreguen o galego na atención ó público e/ou na publicidade.
Ferreiro explicou que entre o material que se entregará para que utilicen nos seus propios locais están rótulos para datas sinaladas como o Nadal, as Rebaixas ou o Día das Letras Galegas, adhesivos en galego para agasallos con diferentes lemas, Non hai de que!, Coido que desta acertei, Con todo o meu agarimo, Hoxe é o teu día, Parabéns… ou adhesivos de participación na campaña, Narón co galego, comercio amigo; Narón agasalla co galego mercando no comercio local, Narón gaña co galego mercando no comercio local…-. A maiores, co fin de darlle unha maior difusión a esta campaña, tal e como indicou a edil naronesa, difundiranse dous spots en redes sociais e Whatshapp, un material que complementará ó anterior e que se poderá ampliar en función das necesidades que se detecten no comercio.
Aqueles comerciantes interesados en participar na campaña “Narón gaña co galego” e dispoñer de material deben enviar un correo electrónico á dirección: a.pita@naron.es incluíndo o nome do comercio, o nome da persoa propietaria do mesmo e un teléfono de contacto. Dende o Servizo de Normalización Lingüística, explicaráselles máis polo miúdo esta campaña e tamén se lles fará entrega do material promocional da mesma.
Outra das propostas desta iniciativa, co fin de dar visibilidade ós comercios e que empreguen o galego na atención ao público será a publicación de pequenos vídeos ou novas sobre os comercios que utilicen esta lingua de xeito habitual ou cando a clientela se dirixa a eles en galego.
A presidenta da Asociación de Comerciantes de Narón valorou a implicación do Concello e ofreceu a colaboración da entidade para divulgar esta campaña entre os seus asociados.
Así mesmo, dende o Concello recordouse tamén que se ofrece asesoramento lingüístico a aqueles comerciantes que o requiran, coa finalidade de mellorar a súa calidade lingüística no caso de que así o consideren para desenvolver a súa actividade profesional en galego.
A alcaldesa destacou que “esta é unha nova campaña dirixida ó sector comercial da nosa cidade, a través da que queremos apoiar o uso do galego e colaborar ofrecendo material e dándolles visibilidade no caso de que queiran sumarse á mesma”. A rexedora local destacou a “diversidade deste sector na nosa cidade e a gran calidade dos produtos que ofrecen cada día”.