Medos Romero, galardoada co XIX Premio de Poesía Afundación, recibirá
o seu recoñecemento nun acto que terá lugar este xoves 9 de decembro, ás 19.00 h,
na Sede Afundación de Ferrol (Praza da Constitución S/N ). Na entrega acompañarana o director xerente de Afundación, Pedro Otero; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o presidente do Centro PEN de Galicia, Luís González Tosar.
O premio, convocado por Afundación, a Obra Social de ABANCA, co patrocinio da
Xunta de Galicia e a colaboración do Centro PEN de Galicia, foille outorgado á
escritora, entre as 42 obras inéditas presentadas, pola súa obra «E o sol era Ela». En
palabras do xurado, formado polos escritores Pablo Rubén Eyré, Concepción Prado
Baña e Míriam Ferradáns e o seu secretario e presidente, Xabier Castro Martínez e Luís González Tosar, a obra gañadora é «un percorrido vital na procura de si mesma a
través dun poemario épico-lírico que foxe da retórica e regresa á natureza non no
sentido paisaxístico, senón a través da reflexión dunha voz feminina. Trátase dunha
obra creada a partir do profundo dominio do ritmo e da contención que nos leva a
finais abertos, sorprendentes e mesmo paradóxicos. Medos Romero consegue no seu
libro “Ser, ao fin, salvaxemente humana”»
Despois da entrega, Medos Romero recitará unha escolma dos poemas recollidos en «E o sol era Ela», acompañada dunha creación audiovisual.
A PREMIADA
Medos Romero (As Pontes, 1959). Reside en Valdoviño. Diplomada en Enfermería pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballa como enfermeira no centro de Saúde das Pontes. Poeta e narradora, Premio de Poesía Miguel González Garcés en 2006 y Premio de Poesía erótica Illas Sigargas en 2019. En poesía publica as obras «Rendéome no tempo» (1998), «Ámome en por min» (1999), «O peso da derrota» (2000), «Lenzo das madrugadas» (2003), «A seitura dos tristes» (2006), «O pozo da ferida» (2006), «Do corpo e a súa ausencia» (2010), «A ansia do lóstrego» (2012), «A náusea como un puñal» (2019), «Peixes que esvaraban ao unísono» (2020) e «Hortensia» (2020). En narrativa publica «Dubido se matei a Lena» (2000) e «O Trevo da sorte», ademais de participar en diversas obras colectivas.
O PREMIO
O galardón, que implica a publicación do libro na colección «Arte de trobar» e unha
dotación económica de 6000 euros, comezou o seu percorrido no ano 2002 a
instancias do PEN Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo, Miguel Sande ou Oriana Méndez, gañadora da anterior convocatoria.
O premio, que celebra a súa décimo novena edición, conta co apoio e a participación
da Xunta de Galicia, cuxa implicación no proxecto garante a estabilidade do galardón e contribúe a preservar esta cita de referencia na axenda cultural galega, á vez que
estimula a creación literaria. Afundación e o Centro PEN de Galicia, tras case dúas
décadas de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galega, continúan
traballando por un xénero indispensable que, aínda que minoritario, serve de alicerce
para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.