Narón-A 37 edición da Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil remata esta semana

A trixésimo sétima edición da Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil organizada polo Padroado da Cultura, en colaboración coa Deputación da Coruña, rematará esta semana, concretamente o vindeiro venres, día 3 de novembro, coas representacións programadas nas tres escolas infantís municipais, A Solaina, A Gándara e Piñeiros, e na unidade de Infantil do CPR Ayala.

As sesións dirixidas a menores de ata 3 anos levaranse a cabo, como é habitual, nos propios centros, para evitar o seu desprazamento a algunha das ubicacións nas que se desenvolve esta mostra con rapazas e rapaces de maior idade, o Auditorio Municipal e o Pazo da Cultura.

Nesta ocasión, a compañía Teatro ao Cubo será a encargada do espectáculo co que se pechará esta iniciativa, “Nube, nube, sol”. É unha proposta cargada de diversión e aprendizaxe, pensada para achegar á primeira infancia a maxia dos ciclos da natureza e a importancia da choiva para que todo medre.

As representacións previstas para este martes, día 30 de novembro, tres pases en total a partir das 10.00 horas, serán na unidade de Infantil do CPR Ayala, para nenos de 3, 4 e 5 anos. O mércores haberá un pase na escola infantil municipal da Solaina, ás 10.00; o xoves outro na da Gándara, a esa mesma hora, e finalmente o venres, a partir das 10.00 haberá dous pases na escola infantil municipal de Piñeiros.

A programación da 37 edición da Motix chegará este ano a preto de 4.500 escolares de Narón e comarca unha vez rematada.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …