O Concello celebrará este martes con varios actos o Día de Narón, festividade local

O Concello celebra este martes, día 23 de novembro, o Día de Narón, festividade local. ó longo da mañá e da tarde sucederanse varias propostas dirixidas á cidadanía que comezarán ás 12.00 horas cun acto institucional no que se presentará a escultura realizada en homenaxe á solidariedade e que se instalará preto do novo centro de saúde, na intersección da estrada de Castela co Camiño do Lodairo.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidirá o acto, ó que acudirán outros representantes da corporación local, o escultor autor da obra, José Castiñeiras, e diferentes colectivos sociais. A convocatoria desenvolverase baixo o lema: “Saber tender unha man nos momentos máis difíciles fainos ser un gran pobo”.

Ó longo da mañá tamén haberá outras propostas pensadas para público familiar e infantil na praza 23 de novembro, como un espectáculo do Mago Antón, de 12.00 a 12.45 e de 13.15 a 14.00 horas, no camión do espectáculo do propio Mago. Tamén pola mañá, no pavillón Campo da Serra, cambiouse a ubicación debido ás previsións meteorolóxicas,  haberá xogos populares de 12.00 a 14.00.

Así mesmo, pola tarde na praza 23 de novembro poderase ver de novo o espectáculo do Mago Antón, de 16.00 a 16.45 horas e con sesións tamén as 17.30 a 18.15 e de 19.00 a 19.45 e haberá novamente xogos populares no pavillón Campo da Serra de 16.00 a 19.00 horas.

No que respecta ó espectáculo de maxia, cada unha das sesións está limitada a un máximo de 50 prazas, que se cubrirán por orde de chegada.

Así mesmo, na praza 23 de novembro de 17.00 a 18.00 horas programouse un espectáculo musical dirixido a público familiar, “A fiestra dos soños”, a cargo da compañía Trotaventos e unha chocolatada popular dende as 18.00 ata as 20.00 horas.

Finalmente, ás 19.00 horas o Pazo da Cultura acollerá un dos actos tradicionais do programa do Día de Narón, a entrega dos premios do “XIII Concurso de Pintura Cidade de Narón”, que este ano o xurado concedeu ó pintor ferrolán afincado en Madrid Andrés Gabarres. Entregaranse tamén detalles pola súa participación ó resto de participantes nas modalidades infantil e xuvenil deste certame.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …