O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol propón ao goberno local a ampliación da praza Sánchez Aguilera, ubicada enfronte do centro cultural Torrente Ballester, cun proxecto que contemple a derruba do muro e ampliar a praza coa zona verde tras el, gañando espazo libre e zonas de lecer para a cidade.
Iván Rivas, portavoz nacionalista, sinalou que o BNG ten previsto levar a debate ao pleno da corporación municipal propón ao goberno local que se inicien os trámites de expropiación da zona verde colindante co actual muro que limita a praza entre a mesma e a rúa da Terra. O plan xeral municipal «cualifica este espazo, xa, como zona verde polo que se trata de integrala no patrimonio municipal e desenvolver un proxecto de ampliación e mellora desta praza.«
Iván Rivas afirma que con este proxecto o BNG procura que se desenvolvan na cidade pequenas intervencións urbanas que incorporen para o público solares que até o momento se atopan baleiros para reconvertelos en lugares de esparcimento e encontro. «Queremos incrementar as zonas verdes na cidade xa que son beneficiosas para a saúde física e mental dos veciños e veciñas ademais de que cómpre lembrar que as zonas verdes abren a posibilidade de realizar exercicio físico e contribúen a diminución da contaminación vinculado á presencia da vexetación«, afirmaba o portavoz.
O BNG considera que o Concello «debe dar pasos no camiño de recuperar o espazo público para a xente» e é por iso que pedirán que o goberno local inicie o expediente de expropiación das parcelas afectadas para desenvolver este proxecto e desenvolver ao mesmo tempo o proxecto de urbanización do conxunto da nova praza pública que permita acondicionar e recuperar para a xente un espazo hoxe abandonado situado no corazón do centro urbano da cidade.
«Cómpre lembrar que tras a crise sanitaria da covid-19 ficou evidenciado a necesidade de dotar as cidades de espazos públicos máis seguros para a saúde«, afirmaba. Igual que é unha necesidade «a redución do tráfico rodado é unha necesidade recuperar espazos para as persoas e planificar medidas concretas que redefinan o urbanismo na cidade». «Debemos aproveitar sinerxías positivas como a apertura da renovada praza de Armas e procurar proxectos que complementen e amplíen a oferta de zonas verdes no centro da cidade.»
Iván Rivas indica que este proxecto complementaria os espazos públicos de Armas, o Cantón ou Amboaxe con vistas tamén ao «necesario avance definitivo do proceso de peonalización permanente e á inevitábel derruba da muralla do Arsenal, co obxectivo de abrir Ferrol ao mar, proxectos inaprazábeis que esta cidade precisa.«