A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, anunciou que no marco do programa Apego, e co fin de contribuír ó incremento de recursos e materiais en galego para mellorar a socialización de menores nesta lingua, dende o Servizo de Normalización Lingüística de Narón encargouse ó artista local Leandro Lamas o deseño de oito crebacabezas con diferentes profesións e niveis de dificultade. “A idea é que as nenas e nenos poidan aprender xogando algunhas profesións, dun xeito lúdico e contando cos excepcionais deseños deste pintor naronés”.
Taibo avanzou que as profesións elixidas para os crebacabezas son: mariñeiro, granxeira, mestre, bombeira, enfermeiro, doutora, albanel e enxeñeira. “Tratan de reflectir, ademais dunha visión igualitaria, plural e non estereotipada dos empregos realizados por mulleres e homes”, explicou a edil.
Todos estes crebacabezas, tal e como indicou, pódense descargar da web do Servizo de Normalización Lingüística de Narón, no enlace: https://naronengalego.gal/crebacabezas-das-profesions-para-o-apego/
para que as familias poidan imprimilos, pegalos sobre un cartón ou cartolina, recortalos polas marcas indicadas e xogar con eles.
O programa Apego é colectivo e participan no mesmo varios concellos galegos, entre eles o de Narón. Diríxese ás familias e ao contexto social dos nenos e nenas nos seus primeiros anos de vida, para mellorar a socialización en galego dende a primeira infancia.