Narón-Convenio de colaboración coa Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra

A alcaldesa, Marián Ferreiro, asinou este luns, día 25 de outubro no Concello de Narón un convenio de colaboración coa Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, representada pola súa presidenta, Teresa Gallo. No acto estivo tamén presente a concelleira de Benestar Social, Catalina García. O convenio supón unha achega por parte do Concello de 3.000 euros, para levar a cabo diferentes iniciativas.

O Consistorio naronés mantén o seu compromiso coa citada asociación coa finalidade de ofrecer programas de atención a persoas xordas e con discapacidade auditiva, dando continuidade ó traballo que se realiza na cidade nesta área co colectivo de persoas con diversidade funcional e as súas familias.

O acordo permitirá ó Concello dispoñer dunha bolsa de 75 horas do servizo de intérprete de lingua de signos en actividades nas que considere necesaria a prestación do mesmo. Unhas horas que, tal e como se recolle no acordo, tamén poderán destinarse a cursos de formación que organizaría a Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra.

Tamén se ofrece dende o colectivo información, asesoramento e servizo de mediación da comunidade xorda, en coordinación co Servizo Sociocomunitario Municipal.

Ferreiro e García destacaron o traballo que ao longo do ano realiza a asociación coas persoas xordas e as súas familias e incidiron na importancia de poder manter na cidade un servizo destas características da man dos profesionais que integran a AXF. Ó mesmo tempo, a alcaldesa e a edil de Benestar Social agradeceron a colaboración e implicación da entidade coa administración local.

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …